Ir o contido principal

94. Un pouco de exercicio, que vén o verán

Un idioma preciso

Debe ser que se achega o verán e a xente anda preocupada por cultivar o seu corpo, que nas últimas semanas chegáronnos dúas consultas relacionadas co ámbito da actividade física, en concreto co nome polo que se deberían coñecer en galego este exercicio e este aparello.

O primeiro podería definirse como un ‘exercicio de musculación executado cun haltere sobre os ombros ou por diante do pescozo, coas pernas levemente separadas e os pés en contacto total coa terra, que consiste en flexionar e estender as pernas, coa columna vertebral recta’. Na práctica, en galego vense usando o castelanismo sentadilla(ou algunha variante máis ou menos disfrazada: *sentadiña, *sentadela…). En principio, parécenos que ningunha destas tres formas debería ser considerada como recomendable en galego, así que optamos por comprobar cal é denominación elixida en inglés (squat), francés (accroupissement) e portugués (agachamento, aínda que o anglicismo squat ten tamén unha alta presenza).

Tendo en conta isto, pensamos[1] que a mellor alternativa é propor agachamento como denominación galega. Trátase dunha forma que se explica sen problema ningún a través das regras derivativas desta lingua, que recolle con precisión as principais características do exercicio e que mantén o paralelo conceptual coas formas das linguas veciñas.

 

O segundo é un ‘haltere de barra curta e pouco peso que pode ser manexado cunha soa man’ que, coma no caso anterior, é coñecido polo seu nome castelán (mancuerna) ou por algunha variante agalegada (mancorna). A mancuerna era, no ámbito agrario, unha parella de reses unidas polos cornos cunha corda ou algún obxecto ríxido de tal forma que podían ser guiadas en paralelo de forma parecida a como se faría cun único animal. Esa imaxe dos dous animais unidos e en certa medida inmobilizados por unha barra foi a que permitiu o seu emprego metafórico no ámbito da actividade física.

En galego sería posible facer algo semellante, xa que mancorna é unha palabra viva e mancornar aparece definido no Gran diccionario Xerais da lingua como ‘atar dúas vacas polos cornos para levalas xuntas’. Pero o feito de que esta mesma metáfora non se aplique tamén en ningunha das linguas do noso contorno (EN: dumbbell; FR: haltère court ou haltère; PT: dumbbell, aínda que tamén haltere curto) lévanos a desbotala xa que, de aplicármola, estariamos máis ante un calco do castelán ca ante unha evolución propia.

As alternativas que nos parecen preferibles son dúas: ou recorrer a haltere curto, en paralelo ao francés e ao portugués; ou intentar estender o uso dun neoloxismo como pesa de man, tendo en conta que o obxecto formado por unha barra en cuxos extremos se fixan unha serie de pesos, empregado en exercicios de musculación coñécese popularmente como pesa (como se comproba na expresión "facer pesas").

Sen desbotar a primeira, apostamos pola segunda.

 

----------------------------------

[1] De acordo tamén coa proposta que no mesmo sentido está facendo Termigal

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.