Ir o contido principal

96. Emerxencias lingüísticas

Un idioma preciso

RAG, á hora de establecer a norma léxica do galego, determinou que a emerxencia só se lle recoñeza o significado de ‘acción e efecto de emerxer’, e desaconsella1explicitamente o emprego desta forma cun sentido semellante ao de urxencia.

Pero a pesar desa recomendación a palabra “incorrecta” amosa unha grandísima vitalidade, tanto no ámbito da protección civil como no da medicina. No primeiro deles, acaba de aprobarse unha Lei de emerxencias de Galicia, existe desde hai anos un Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, moitas organizacións dispoñen de plans de emerxencia (algún deles na boca de todos ultimamente), e cóntanse por centos as escaleiras e saídas de emerxencia instaladas nos edificios públicos. E outro tanto ocorre no terreo da medicina, onde descubrimos a existencia dun Centro de Formación en Medicina de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes de Galicia, de cursos universitarios e xornadas sobre esa mesma temática, etc.

En realidade, esta palabra vén remitindo a dous conceptos diferentes:

  • No contexto da protección civil e da seguridade cidadá, enténdese por emerxencia ‘unha situación sobrevida, de carácter inesperado, que afecta en menor ou maior grao a seguranza das persoas, dos bens ou do ambiente’ (definición tirada da Lei de emerxencias de Galicia).
  • No ámbito sanitario, unha emerxencia é ‘un tipo concreto de situación urxente que pon en perigo inmediato a vida do paciente ou a función dalgún órgano’. Esta definición amósanos ademais que unha urxencia é unha realidade diferente, como se podía intuír pola presenza contigua das dúas formas nas referencias citadas máis arriba. En efecto, a Organización Mundial da Saúde, define urxencia como a ‘aparición fortuita en calquera lugar ou actividade dun problema de causa diversa e gravidade variable que xera a consciencia dunha necesidade inminente de atención por parte de quen o sofre ou da súa familia’.

Chegados a este punto, podemos debater sobre a conveniencia de evitar ou non o emprego de emerxencia como denominación do primeiro dos conceptos. Pero para o segundo, dificilmente se poderá xustificar a substitución que recomendaba a RAG cando, de facela, estariamos fomentando a confusion entre dúas realidades diferentes que reciben tratamentos distintos na práctica médica no que ten que ver coa atención dedicada, os tempos de espera, etc.

En resumo, parece sensato asumir como adecuado o emprego de emerxencia como designación de ‘tipo concreto de situación urxente…’, tal e como fai o portugués (urgências vs emergências), o castelán (urgencias vs emergencias) ou o inglés(urgency vs emergency).

 

----------------------------------

[1] Esta prescrición facíase xa no Diccionario da Real Academia Galega, publicado en 1997, e séguese mantendo no Dicionario castelán-galego de 2004.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.