Concurso que pretende espertar a vea artística e a creatividade dos membros da comunidade universitaria nunha actividade, a creación publicitaria, en que deben deixar bulir as ideas, poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da súa vida persoal, académica, profesional, e transmitilas en forma de mensaxe publicitaria.
A publicidade é hoxe unha actividade de comunicación de carácter creativo. E como actividade comunicativa que é, un dos seus peares adoita ser a lingua, ata ser converter ás veces no eixe vertebral dunha proposta publicitaria.
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas cre que os membros da comunidade universitaria teñen moitas ideas que transmitir, moita creatividade que compartir. E tamén acredita na validez da lingua galega –como a de todas as linguas- para a ilusión, para a ocorrencia, para o paradoxo, para a diversión, para a reflexión. Para o enxeño publicitario. Para vender un produto ou unha idea. Para a mercadotecnia, en fin.
Por iso, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas convoca un concurso que pretende espertar a vea artística e a creatividade dos membros da comunidade universitaria nunha actividade, a creación publicitaria, en que deben deixar bulir as ideas, poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da súa vida persoal, académica, profesional, e transmitilas en forma de mensaxe publicitaria. E que o poidan facer integrando o galego de xeito natural nunha estratexia publicitaria, demostrando o coñecemento que os universitarios e as universitarias posúen das potencialidades da lingua galega para chegar ao corazón.
O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de xuño de 2008.
Destinatarios
Poderá participar neste concurso calquera persoa que durante o curso 2007-2008 sexa alumno/a da USC, de xeito individual ou en grupo.
Traballos a concurso
Os traballos que se presenten ao concurso consistirán no deseño dunha mensaxe publicitaria sobre ideas, sobre produtos ou servizos tanxibles e intanxibles, así como sobre empresas ou institucións, todos eles reais ou ficticios. Deberá estar redactado en lingua galega.
A mensaxe publicitaria deberá contar como elemento central e imprescindible un lema en lingua galega, integrado nunha breve memoria que explique o deseño da campaña, a estratexia de comunicación, etc.
Dado que os traballos serán expostos no centro para a súa visualización polo público, débese presentar un ou varios pósters que resuman a campaña.
Poderase presentar todas as pezas e elementos orixinais que compoñan a campaña, así como todo o material que se considere de interese.
Deberase adscribir a mensaxe publicitaria a algún(s) dos seguintes soportes:
- televisión
- radio
- medios impresos
- Internet e outros soportes multimedia
- soportes exteriores (mobiliario urbano, carteleiras, luminosos....)
Os traballos presentados deben ser orixinais e inéditos.
Os traballos non poderán danar a sensibilidade do público, nin facer apoloxía da violencia, nin da discriminación por razón de raza, sexo, lingua ou crenzas relixiosas.
Os traballos poderán ser individuais ou conxuntos. Cada autor poderá presentar un máximo de dous traballos.
Presentación dos traballos
Os traballos presentaranse con pseudónimo, acompañados dun sobre pechado en que constarán os seguintes datos de todos os autores/as:
- nome completo
- NIF
- domicilio
- teléfono de contacto
- enderezo de correo electrónico
- sector da comunidade universitaria a que pertence
- centro de traballo (no caso de PDI e PAS)
- centro, titulación, curso (no caso de estudantes)
Os traballos, xunto co sobre cos datos, enviaranse á
- Comisión de Normalización Lingüística
Facultade de Administración e Dirección de Empresas
Avda. Alfonso X O Sabio, s/n.
27002 Lugo
O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de xuño de 2008.
Xurado
Os membros do xurado serán: o/a decano/a ou director/a do centro ou persoa en quen delegue; un representante da comisión de normalización lingüística que esta designe entre os seus membros, un técnico/a do Servizo de Normalización Lingüística e un profesional de prestixio no mundo da publicidade.
A decisión do xurado é inapelable.
Procedemento de avaliación
Valoraranse:
- A capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema
- A adecuación entre lema, soporte e obxecto do traballo
- A globalidade da campaña publicitaria
O veredicto farase público no mes de outubro de 2008.
Premios
17. Outorgaranse tres premios aos mellores traballos presentados, a xuízo do xurado, e un premio do público, o cal se manifestará mediante votación en urna:
- 1.º premio: 500 euros e diploma acreditativo
- 2.º premio: 400 euros e diploma acreditativo
- 3.º premio: 300 euros e diploma acreditativo
- Premio do público (honorífico): diploma acreditativo
O xurado poderá recomendar que a USC inicie as xestións oportunas para que os traballos premiados poidan producirse, de ser o caso.
No caso de que o xurado considere que ningún dos traballos presentados acada un nivel axeitado poderanse declarar os premios desertos. Tamén existe a posibilidade de outorgar os premios a varios traballos ex aequo; neste caso o importe repartirase a partes iguais.
Os traballos premiados poderán ser utilizados pola Universidade de Santiago de Compostela con fins de promoción e difusión do propio concurso. Tamén poderán ser utilizados pola USC en presentacións institucionais ou académicas, así como en calquera outro medio de comunicación ou soporte cos anteditos fins. Pola súa banda, a USC comprométese a comunicarlles aos autores as accións que se realicen co seu material.
Os concursantes poderán retirar os traballos non premiados antes do 31 de decembro de 2008 no Decanato da Facultade de ADE.
A participación no concurso implica necesariamente o acatamento do que se expón nestas bases.