Premio para incentivar a galeguización de aplicacións informáticas de software libre.
Os fiadeiros de localización de SL permiten aprender a traballar de xeito colaborativo a estudantes, profesores/as ou PAS, a prol dun empeño común: galeguizar unha serie de aplicacións informáticas de software libre.
Obxectivos
O "V ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre" está organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Superior de Enxeñaría co Servizo de Normalización Lingüística, co apoio de Trasno.
Responde tanto no Plan de Normalización Lingüística como no Plan Estratéxico das TIC da USC, e os seus obxectivos son:
- Fornecer formación técnica para a localización ao galego de software libre.
- Contar con software que se use na USC en galego, mediante procesos de localización
- Impulsar a comunidade universitaria de localización
- Impulsar o uso do galego
- Impulsar o coñecemento e o uso da software libre
O Fiadeiro de localización de software libre consta de:
- un proceso formativo previo de 3 horas (ferramentas de tradución, metodoloxía, cuestións lingüísticas: memorias de tradución, glosarios...) o xoves 25 de abril, de 12:00 a 15:00
- unha xornada de tradución ao galego de aplicacións de software libre, baixo a supervisión do profesorado do Fiadeiro, con pequenos descansos de lecer e xantar incluído, o sábado 27 de abril, de 10:00 a 19:00
Durante a xornada de localización (27 de abril) a organización encomendará a localización (tradución ao galego) dunha aplicación ou dun grupo de cadeas ás persoas participantes, que o farán individualmente ou por parellas.
Dispoñerán de material e dun ordenador coas ferramentas necesarias e conexión a Internet.
O profesorado estará dispoñible durante toda a xornada de localización para resolver dúbidas.
Dado que se trata dunha actividade continuada desde as 10 ata as 19 horas, haberá petiscos, bebidas e música para facer descansos a media mañá e a media tarde. Haberá tamén un lixeiro xantar común ofrecido pola organización.
Ambas as sesións desenvolverase na Aula I1 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Campus Vida, Santiago de Compostela).
Requisitos dos/as participantes
- Nivel de inglés: O adquirido nos estudos de bacharelato
- Nivel de galego: O adquirido nos estudos de secundaria, Celga 4 ou Perfeccionamento
- Nivel de informática: básico
Créditos, recoñecementos e premios
- Está solicitado 1 ECTS por recoñecemento como competencia transversal para os graos.
- 1 crédito de libre configuración curricular para todas as titulacións de 1º e 2º ciclo.
- Diploma de asistencia á actividade (por 12 horas). Haberá controis de asistencia en todas as sesións. Cómpre acreditar a asistencia ao 80% das horas.
- Constancia da experiencia de tradución da aplicación encomendada.
- Constancia nos créditos da aplicación localizada dos seus autores ou autoras.
- Premio “Máis e mellor” para o equipo que traduza máis cadeas e con mellor calidade: un diploma acreditativo e unha dotación económica de 0,10 euros por palabra única traducida correcta. O premio farase público no mes de maio de 2013.
Coordinador académico da actividade
- Xosé Manuel Pardo López, profesor titular do Departamento de Electrónica e Computación
Profesorado
- Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla e membro do Proxecto Trasno.
- Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice e membro do Proxecto Trasno.