A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos presta asistencia cognitiva-condutual no ámbito das adiccións (tabaco, xogo patolóxico, cannabis, cocaína...) e a comorbilidade asociada a estes trastornos (depresión, ansiedade...).
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos da Facultade de Psicoloxía da USC ten a súa orixe no ano 1984, cando o profesor Elisardo Becoña comeza a tratar fumadores con distintas técnicas psicolóxicas. Así xurde o “Programa para deixar de fumar”, que se converteu nun referente nacional e internacional no tratamento psicolóxico cognitivo-condutual para deixar de fumar.
Cos anos, amplíanse os tratamentos a outras adiccións (ex., xogo patolóxico, cannabis, cocaína etc.) e á importante comorbilidade asociada a eses trastornos (ex., trastornos depresivos, de ansiedade, de alimentación, de personalidade etc.).
En case 40 anos de experiencia, tratáronse un gran número de persoas (máis de 15.000 fumadores), formáronse moitos profesionais, realizáronse investigacións de grande impacto a nivel científico, elaboráronse informes e estudos para distintas administracións (local, autonómica e nacional) e participouse en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos.
A Unidade ten o número de rexistro sanitario da Consellería de Sanidade C-15-003130.
Misión
- Brindar asistencia psicolóxica de alta calidade no ámbito das adiccións a poboación que o demande contando con recursos humanos cualificados: psicólogos/as clínicos e psicólogos/as xerais sanitarios.
- Proporcionar aos estudantes de grao e de posgrao da Facultade de Psicoloxía soporte asistencial e de formación no campo das adiccións e a comorbilidade asociada aos mesmos.
- Formar a profesionais sanitarios no campo das adiccións ou actualizar os seus coñecementos.
- Realizar investigación no campo das adiccións para a mellora dos tratamentos e intervencións psicolóxicas.
Obxectivos asistenciais
Prestación de servizos no tratamento de distintos trastornos adictivos, como a dependencia da nicotina, o xogo patolóxico, a dependencia da cocaína ou o cannabis, problemas co uso excesivo das novas tecnoloxías etc.
Obxectivos docentes
- A Unidade de Tabaquismo participa na formación de Practicum dos alumnos de grao e posgrao de Psicoloxía.
- Organiza regularmente cursos orientados aos profesionais sanitarios para a mellora do exercicio profesional do psicólogo clínico, do psicólogo xeral sanitario e de outros profesionais sanitarios.
- Realiza unha importante labor de difusión dos tratamentos e intervencións psicolóxicas efectivas a través de formación continua.
Obxectivos na investigación
- Impúlsanse distintos proxectos de investigación no campo dos trastornos adictivos mediante a participación en convocatorias autonómicas (Xunta de Galicia), nacionais (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades) e internacionais (Unión Europea).
- Particípase en proxectos de innovación con centros públicos e privados.
- Realízanse estudos para distintas institucións sanitarias (SERGAS, Consellería de Sanidade, Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Ministerio de Sanidade), concellos (Santiago, Vigo, Ferrol), empresas etc.
A Unidade conta cunha sala para as terapias e intervencións psicolóxicas en grupo e tres despachos para a avaliación psicolóxica e o tratamento ou intervención psicolóxica individual.
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela está situada no primeiro andar do Edificio C2 da Facultade de Psicoloxía. Ocupa as salas e despachos números 18, 19, 21 e 22.
Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos
- Facultade de Psicoloxía
- Rúa Xosé María Suárez Núñez, s/n. Campus Vida, 15782Santiago de Compostela
- 881 813 939