Breve currículum vítae
Pilar Bermejo Barrera (Santiago de Compostela,1956), é Catedrática de Química Analítica dende o ano 1991 no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía na Facultade de Química. En 1978 licenciouse en Química na USC, con Premio Extraordinario de Licenciatura, e doutorouse na mesma universidade en 1981. Realizou a súa formación postdoutoral na University of Plymouth, Reino Unido. Foi profesora nas Facultade de Química e de Farmacia e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
Coordinadora do grupo de investigación, GETEE, Grupo de Elementos Traza, Espectroscopia e Especiación. A súa actividade investigadora centrase no desenvolvemento de métodos analíticos para o estudo da Especiación e Biodisponilidade de Elementos Traza en todo tipo de mostras. Outras liñas relevantes son as relacionadas con estudos sobre Metalómica e Metaloproteómica, e sobre Nanometroloxía Analítica e Nanotecnoloxía. Ten publicado mais de 350 artigos de investigación científica, 28 capítulos de libros internacionais, e monografías sobre Química Analítica. Directora de 40 Teses de doutoramento, coordinou numerosos proxectos de investigación de ámbito nacional e internacional, así como diferentes contratos de investigación con entidades públicas e privadas.
Membro de Sociedades Científicas de ámbito nacional: RSEQ, SEQA, SEA, SEQC e internacionais como a RSC, ACS e a FESTEM. Membro do Comité Editorial de varias revistas internacionais, axencias de avaliación e acreditación como ANEP, ANECA, MICINN, ENAC, RESEARCH COUNCIL OF NORWAY, FONDECYT entre outras.
Foi Vicedecana da Facultade de Química no período 1989 -1996. Durante este período foi coordinadora do programa piloto ECTS de Erasmus na área de Química, da rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) e do programa TASSEP (Transatlantic Science Student Exchange Programme). Entre 1998 e 2006 foi Directora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía. Decana da Facultade de Química entre 2014 – 2022, e Presidenta da Conferencia Española de Decanos de Química. No ano 2018 ingresou como académica de número na Real Academia Galega de Ciencias.