José Ángel Valente, nacido en Ourense en 1929 e falecido en Xenebra no 2000, sen dúbida un dos escritores máis importantes das letras hispánicas do século XX, é tamén un dos intelectuais máis europeos da mesma época por vivencia biográfica, por vocación ideolóxica e por asimilación cultural [1]. Así o reflecte a súa asombrante obra creativa, tanto poética como narrativa, e a súa lúcida reflexión intelectual a través do seu ensaio ou da súa propia metaliteratura, expresión sempre dunha verdadeira vangarda integral e dunha esixente conciencia crítica no ético e no estético.
Ademais, a riqueza de contidos, formas, xéneros, linguas e diálogos multiartísticos que presenta a súa obra, tan variada como coherente, está dobremente fundamentada na profunda asimilación da tradición máis canónica, da heterodoxia máis senlleira e da vangarda máis disolvente, pois dalgún xeito supón a ensamblaxe da mestría renacentista e barroca española; da arte da meditación das ascéticas e das místicas cristiás, xudías e musulmanas, e do espírito de ruptura do máis radical Romanticismo alemán, do Simbolismo francés e inglés e das vangardas europeas do século XX. Deste xeito, a produción creativa de Valente é palimpsesto do máis alto desideratum da literatura occidental de todos os tempos: dende o inicial maxisterio de Quevedo e dos metafísicos ingleses do século XVII á posterior metapoética da modernidade representada por Lautréamont e Rimbaud, por Cernuda e Lezama ou por Celan e Jabès, pasando pola constante compaña de Juan de la Cruz ou polos descubrimentos de Hölderlin, da Cábala xudía, da mística sufí e do haikú oriental.
Así, a poesía de José Ángel Valente transcendeu absolutamente as estreitas marxes españolas da chamada xeración dos cincuenta e mesmo de toda a literatura española de posguerra, primeiro a través da rigorosa elaboración dun discurso ascético e logo do cultivo dun contradiscurso subversivo que o conduciu á radicalidade con que posteriormente afrontou o camiño da disolución dos discursos e abriu paso ao seu non discurso final, como evidencian os catro volumes que reúnen toda a súa obra poética: Punto cero, Material memoria, Cántigas de alén e Fragmentos de un libro futuro [2].
O DISCURSO ASCÉTICO (ELEXÍAS)
En efecto, tras iniciar a súa andaina poética no seu Ourense natal e cultivar o galego na súa xuventude universitaria compostelana, Valente continuou o seu itinerario académico e literario en Madrid, onde entrou en interactivo contacto co ambiente cultural hispanoamericano propiciado polo Instituto de Cultura Hispánica e onde comezou a relacionarse cos poetas do 27 (foi alumno de Dámaso e amigo de Aleixandre, pero tamén coñeceu a Guillén e carteouse con Cernuda, e máis tarde se relacionou con Alberti) e con outros posteriores, sobre todo da súa idade, aínda que finalmente se distanciaría de toda formulación xeracional. Ademais, neste período madrileño casou con Emilia Palomo, compañeira na carreira de Filosofía e Letras, coa que habería de ter catro fillos, dous deles de prematura morte.
Tras recibir o Premio Adonais en 1954, deuse a coñecer con A modo de esperanza (1955), libro que comeza co poema "Serán ceniza...", ao que a traxectoria e as propias declaracións do poeta converterían en base programática xeral de toda a súa obra, pois como o propio autor recoñeceu a propósito do "punto o límite extremo en que se hace imposible el decir" e do "no-lugar" de onde vén a palabra poética "el lugar originario de la palabra, se constituía precisamente en el primer verso del primer poema de mi primer libro" (Valente, 2008: 1394):
Cruzo un desierto y su secreta
desolación sin nombre.
El corazón
tiene la sequedad de la piedra
y los estallidos nocturnos
de su materia o de su nada.
Hay una luz remota, sin embargo,
y sé que no estoy solo;
aunque después de tanto y tanto no haya
ni un solo pensamiento
capaz contra la muerte,
no estoy solo.
Toco esta mano al fin que comparte mi vida
y en ella me confirmo
y tiento cuanto amo,
lo levanto hacia el cielo
y aunque sea ceniza lo proclamo: ceniza.
Aunque sea ceniza cuanto tengo hasta ahora,
cuanto se me ha tendido a modo de esperanza.
(Valente, 2006: 69)
Pero “Serán ceniza...”, obvia cita dos versos quevedianos sobre o amor constante máis alá da morte –“Serán ceniza, más tendrán sentido, / polvo serán, más polvo enamorado”- mostra tamén o maxisterio formal de Quevedo, con quen entronca a intensa e clara sobriedade e a rotunda e concisa precisión de toda a obra, composta por poemas libres e breves, sempre en busca da máxima expresividade co mínimo artificio verbal.
Esta extraordinaria economía de medios, que produce una impactante sensación antirretórica, está en relación tamén coa poesía lapidaria latina na que ás veces se inspira, pois, en efecto, a tradición funeral clásica revive en varios poemas elexíacos do libro, como "Lucila Valente", "Epitafio" e "Aniversario". No titulado "Una inscripción", precisamente glosa dun epitafio romano, defende a sinxela espontaneidade da xente corrente e ataca a explotación clasista na Roma de Nerón, así como a complicidade descomprometida e insolidaria da nefasta poesía da época en obvia analoxía coa situación política e poética da España franquista. Ademais, xa nesta obra inaugura a súa temática anxélica e enlaza coa poesía mística de Juan de la Cruz, poeta que irá cobrando unha progresiva presenza na súa produción lírica e ensaística, así como evidencia resonancias de autores que o acompañarán sempre, como Rimbaud, Kafka ou Cernuda. Polo demais, a sección "Patria, cuyo nombre no sé" mestura biografía persoal con vivencia colectiva, poñendo en cuestión a concepción oficial da realidade e da patria durante o franquismo.
Precisamente farto do pobre e opresivo panorama da España franquista, instalouse en 1955 na Universidade de Oxford, e, dende 1958, exerceu como funcionario da O.N.U. en Xenebra. Neste tránsito naceu Poemas a Lázaro (1960), libro constituído en torno á idea do paso pola morte para volver á vida. Unha cita de Donne pon en evidencia o interese do autor pola poesía metafísica inglesa do século XVII, pois non en van o propio poeta traducira a aquel ao castelán. O afán por superar a escisión entre corpo e alma ou materia e espírito dos metafísicos ingleses, xunto á materia espiritual de Quevedo, estará na base da carnalidade poética de toda a meditación valentiana.
Tamén son notables aquí as composicións netamente metapoéticas, como "Objeto del poema", sobre o coñecemento en poesía, e "El cántaro", sobre a forma, en sintonía coa idea de Goethe de que a arte consiste en dar forma, así como os poemas de carácter eminentemente histórico, político e social, ás veces alusivos ou relativos á cuestión do lugar, como "Sobre el lugar del canto", vindicación do lugar fronte aos tan alienados conceptos de Patria ou de España, como espacio para a reconciliación e a liberdade, ou "Cementerio de Morette-Glières, 1944", homenaxe aos refuxiados españois da guerra civil mortos defendendo contra os nazis unha terra que non era a súa:
No reivindicaron
más privilegio que el de morir
para que el aire fuese
más libre en las alturas
y los hombres más libres.
Ahora yacen,
con su nombre o anónimos,
al pie de Glières y ante la roca pura
que presenció su sacrificio.
Hombres
de España entre los muertos
de la Alta Saboya:
ellos lucharon por su luz visible,
su solar o sus hijos, más vosotros
sólo por la esperanza.
La nieve aún dura prodigiosamente
viva en el aire mismo
donde morir fue un puro
acto de fe o de supervivencia.
¿Quién podría decir que murieron en vano?
Al cielo roto y a la tierra vacía,
a los pueblos de España,
a Herbás, a Mula, a todas
las islas Baleares,
a Mendavia, Viñuelas,
Ambrán, La Almunia,
Terrecampe, Tembleque,
devuelvo el nombre de sus hijos:
Félix
Belloso Colmenar, Patricio
Roda, Gabriel Reynes o Gaby, Victoriano
Ursúa, Pablo Hernández,
Avelino Escudero,
Paulino Fontava, Florián Andújar,
Manuel Corps Moraleda.
Otros duermen tal vez
bajo una cruz desnuda, lejos
de su país, de su memoria, donde
todos los muertos son
un solo cuerpo ardiente:
carne nuestra, palabra,
historia nuestra que no conocimos,
sangre sonora de la libertad.
(Valente, 2006: 147-148)
O CONTRADISCURSO SUBVERSIVO (SÁTIRAS)
Radicado xa en Xenebra, coñece directamente o mundo do exilio e, aínda que colabora nalgunhas das súas empresas, parécelle un círculo anquilosado no que só valora a intelectuais como o institucionista Alberto Jiménez Fraud, o novelista Max Aub e a filósofa María Zambrano, con quen tivo un encontro decisivo na súa vida e na súa obra. No primeiro lustro dos sesenta escribiu La memoria y los signos (1966), pero boa parte dos seus poemas foran xa adiantados na antoloxía Sobre el lugar del canto (1963). A cita inicial de Hölderlin, alusiva ao "tempo de miseria", revela que a intención do poeta é agora a denuncia do falso e a revelación do oculto, polo que nestes versos predominará o histórico, o social e o político, servindo a contenda civil española como telón de fondo para moitos poemas, como "Tiempo de guerra", que evoca a súa época de neno da guerra; "John Cornford, 1936", que recorda a morte do poeta comunista inglés, bisneto de Darwin, loitando voluntario contra o fascismo como membro das Brigadas Internacionais, ou os diversos en que condena a falsificación da verdade.
A lembranza da súa infancia e da súa terra natal dominan argumentalmente a súa visión da sordidez da adolescencia e da escuridade provinciana, pero o poeta non renuncia aos desprazamentos a outros personaxes en casos como "Maquiavelo en San Casciano", reflexión sobre o intelectual, o poder e o exilio a través dun personaxe histórico que fala en primeira persoa e que termina:
Se apaciguan las horas, el afán o la pena.
Habito con pasión el pensamiento.
Tal es mi vida en ellos
que en mi oscura morada
ni la pobreza temo ni padezco la muerte.
(Valente, 2006: 208)
Nos anos sesenta, publicou aínda dous libros de configuración monográfica: Siete representaciones (1967), que se articula en torno aos pecados capitais en sintonía coa tradición plástica medieval e cun ton irónico, violento e mesmo apocalíptico, e Breve son (1968), que contén poemas breves, moitos deles á maneira da canción tradicional. A súa composición inicial, de carácter metapoético, homenaxea a Rosalía de Castro, pero tamén son metapoéticas as alusións a Lautréamont e á súa radical idea de que a poesía ten por fin a verdade práctica, desvelando o encuberto e os principios de todo.
Un poeta debe ser más útil
que ningún ciudadano de su tribu.
Un poeta debe conocer
diversas leyes implacables.
La ley de la confrontación con lo visible,
el trazado de líneas divisorias,
la de colocación de un rompeaguas
y la sumaria ley del círculo.
Ignora en cambio el regicidio
como figura de delito
y otras palabras falsas de la historia.
La poesía ha de tener por fin la verdad práctica.
Su misión es difícil.
(Valente, 2006: 264)
A fins dos anos sesenta escribiu aínda dúas obras máis, ambas publicadas en 1970 e instaladas no exilio no seu sentido máis profundo e radical: o breve opúsculo Presentación y memorial para un monumento, crítica demoledora de toda represión, independentemente da ideoloxía que a practique, a través da deconstrución das linguaxes totalitarias e do uso irónico da técnica do collage (tal vez influencia de Pound), e a publicada en México El inocente, obra que supuxo o regreso á pureza da inocencia despois da viaxe infernal polo tempo da historia, pero na que para alcanzar esta nova fase se considera necesario destruír o vello e corrupto mundo circundante a través da disolución do mundo convencional, do recordo da infancia e da linguaxe herdada, alcanzando autocriticamente á súa propia produción poética anterior. Aquí xorde como alter-ego o "Agone" de Lautréamont, que reaparecerá en obras futuras, e o poeta postula como exemplos a Lautréamont e a Rimbaud, na mesma liña de vindicación revolucionaria na que se inscribe un poema-tradución de Artaud. Pero a quen erixe expresamente como "maestro" é a José Lezama Lima, que seguirá sendo cualificado como tal posteriormente. Tamén é moi significativa a poetización do místico heterodoxo Miguel de Molinos, de quen el mesmo será reiterado editor e estudoso e con quen asume plenamente o exilio como lugar inevitable da estranxeiría que reside en toda condición humana: "extranjero, engendrado por tu tierra / extranjero, como todos nosotros".
A DISOLUCIÓN DOS DISCURSOS (FRAGMENTOS)
En 1972 -e, ampliado, en 1980- publicou Punto cero, reunión depurada das súas obras anteriores que incluíu a inédita "Treinta y siete fragmentos" (non editada independentemente ata 1979) e que ten como elemento unificador a concepción fragmentaria da obra poética, pois esta non pode ser máis que un resto o retallo do absoluto ao que se aproxima. A técnica do fragmento reaparece en Interior con figuras (1976) e Material memoria (1979), libros heteroxéneos, pero conectados entre si (en ambos aparecen poemas en prosa) e cheos de resonancias da súa obra anterior.
Treinta y siete fragmentos, Interior con figuras e Material memoria participan da técnica fragmentaria e do permanente facerse da obra inacabada, dimensión que xa nunca abandonará o poeta, posto que a considera, como escribiu en Variaciones sobre el pájaro y la red, "uno de los elementos de la radical modernidad". Pero a valoración do fragmento, con tantos antecedentes na obra valentiana, encóntrase tamén en toda a poesía moderna (Novalis, Baudelaire, Mallarmé, Valéry, Eliot), apréciase na narrativa (Rayuela, de Cortázar) e sintoniza coa estima polo aforismo na filosofía contemporánea (Nietzsche, Cioran), xénero este que Valente cultivou en diversas autopoéticas fragmentadas, finalmente reunidas en Notas de un simulador (1997).
En 1980, ao disertar en Xenebra sobre as Cántigas galaico-portuguesas de Alfonso X o Sabio, reencontrouse coa lingua orixinaria, produto do cal será o poemario Sete cántigas de alén (1981), logo ampliado en Cántigas de alén (1989), e que, complementado con outros escritos en prosa de motivación galaica recollidos en Material Valente (1994), compuxo o corpus da súa última edición, publicada en 1996. Galicia -e, particularmente, a súa cidade natal- tivera xa unha notoria presenza na súa obra castelá, pero é na produción galega onde se manifestará de maneira máis intensa e profunda a súa poética da orixe.
Dende moi novo asumira Valente a ensinanza evanxélica de que no principio era a palabra, casa e fundamentación do ser para Heidegger, pero tamén sabía que a palabra galega era casa e fundamento do ser primixenio, pois con frecuencia se intúe revestida dunha aureola natural e intocada, dotada de poder e de vida (na poesía de Pimentel, os termos galegos encarnan as cousas fronte aos casteláns, que só as designan). Valente inscríbese, pois, na tradición antropolóxica do logos espermático que reflecte Valle-Inclán cando o povo "intuye el latín ignoto de las divinas palabras". Naturalmente, as múltiples conexións galaicas de Valente acentúanse na súa obra en galego, como é obvio no caso do cancioneiro alfonsí e de toda a tradición lírica medieval e popular, así como de Rosalía de Castro, obxecto de poemas e ensaios, e con outros autores contemporáneos (Risco, Manuel Antonio, Dieste, Pimentel). Por iso o seu retorno ao galego é tamén o dun emigrante inmóbil que levou consigo as súas raíces, como di nunha cantiga:
Voltei. Nunca partira.
Alongarme somente foi o xeito
de ficar para sempre.
(Valente, 2006: 509)
Valente expuxo a súa poética da orixe en La piedra y el centro: "Palabra total y palabra inicial: palabra matriz. Toda palabra poética nos remite al origen, al arkhé, al limo o materia original". Na súa búsqueda de tal matricial palabra, á vez provinte e portadora dese "limo original de lo viviente", recorreu máis dun camiño hermenéutico a través dos territorios das marxes (exilio interior e exterior, erotismo e muller, fronteiras ascéticas e místicas) e recorreu a máis dun vehículo lingüístico (incluso o da lingua desposuída e periférica), poñendo en evidencia que, quizais, para atopar o rumbo hai que ir á deriva ou, o que é o mesmo, que para alcanzar o centro hai que atravesar as periferias.
O NON DISCURSO MÍSTICO (DITIRAMBOS)
O descubrimento da Cábala xudía provocou toda unha revisión filosófica e creativa en Valente, como evidencia o libro, de extraordinario hermetismo simbólico, Tres lecciones de tinieblas (1980), consistente nunha serie de mónadas que se corresponden coas primeiras letras do alfabeto hebreo, e en sintonía co xénero musical, de tipo sacro, así denominado. A obra parte da nada que representa a primeira letra, o Alef, é dicir, a ausencia: "El punto donde comienza la respiración". O propio poeta realizou unha autolectura esencial para comprender o seu sentido como "canto de la germinación y del origen o de la vida como inminencia y proximidad". Pero ao xa demostrado interese polas místicas cristiás e xudías, manifestas nos ensaios e edicións que dedicou a Juan de la Cruz e na citada conexión cabalística, sumou unha notoria atención a outras culturas orientais e, particularmente, ao sufismo, como pode apreciarse na súa narrativa e no seu ensaio.
En sintonía con todo isto e mesmo coa súa vinculación a Almería, onde se instalou nos anos oitenta, publicou obras abraiantes pola forza da súa luz interior e ambiental, como Mandorla (1982), que toma o seu título da améndoa mística e da representación plástica de Cristo no óvalo que traduce a vulva matriz, evidenciando a disolución das escisións cristiás entre alma e corpo ou espírito e materia. Esta obra, influenciada por Celan, poeta moi estimado e traducido por Valente, contén ecos da antropoloxía simbólica utilizada por Eliot e mostra a comuñón mística entre o erótico e o relixioso a través do corpo feminino, concibido como materia na que se disolven todas as escisións. Así sucede no poema "Graal", onde a muller é o simbólico cáliz sagrado no que o poeta se funde e se confunde, énchese e baleira, disólvese e intégrase:
Respiración oscura de la vulva.
En su latir latía el pez del légamo
y yo latía en ti.
Me respiraste
en tu vacío lleno
y yo latía en ti y en mi latían
la vulva, el verbo, el vértigo y el centro.
(Valente, 2006: 417)
Na mesma liña, El fulgor (1984) poetiza a transcendencia a través do corpo ou a materia a través da mística. Trátase, pois, dunha mística materialista que alcanza a súa plenitude na unión erótica, como en Mandorla, aínda que tamén reaparezan as figuras de Cristo e Lázaro con novos sentidos. Por iso todo termina no “absoluto fulgor”:
Y todo lo que existe en esta hora
de absoluto fulgor
se abrasa, arde
contigo, cuerpo,
en la incendiada boca de la noche.
(Valente, 2006: 458)
Toda a súa obra poética escrita dende 1979 compilouse baixo o título de Material memoria en 1992 e, actualizada, en 1995, incluíndo xa, por tanto, as súas últimas obras: Al dios del lugar (1989), onde, á maneira do ditirambo sacro, parece seguir pegadas, mediante a disolución nas orixes e a extrema tensión da palabra, que o aproximan ao lugar do deus como recinto sagrado e material, e No amanece el cantor (1992), escrito en prosa, e onde progresa na inminencia e insiste na absoluta desposesión, inspirándose agora, en boa medida, na dura experiencia da dor tras a prematura morte do seu fillo Antonio:
NI LA PALABRA ni el silencio. Nada pudo servirme para que tú vivieras.
(Valente, 2006: 498)
Dende 1992, Valente foi publicando, en diferentes medios periodísticos e nos opúsculos que baixo o título de Nadie viron a luz en 1994 e 1996, diversos poemas que, segundo moitas veces declarou, formaban parte dun teleolóxico proxecto de "Fragmentos de un libro futuro" que algún día e xunto a outros textos inéditos se reunirían nun volume, supostamente póstumo, da súa produción lírica final. E tal libro foi, precisamente, o titulado Fragmentos de un libro futuro (2000), derradeiro poemario de Valente. Concibido como un aberto itinerario lírico cronoloxicamente identificable co derradeiro itinerario vital do autor, esta especie de diario en marcha ata a inevitable dobre extinción biográfica e poética resulta tan novidosa no panorama literario como entroncada coa súa obra anterior.
Pero, aínda que sexa obvio que Fragmentos de un libro futuro é o primeiro libro póstumo de Valente, pódese dicir ademais que non só o resulta en sentido estrito, simplemente por ter sido publicado por primeira vez despois da súa morte, senón tamén, nun sentido máis profundo, por obedecer a unha tan radical poética da ruptura, a unha vivencia do límite tan extrema e a unha aproximación á nada tan disolvente que o converten nun auténtico testemuño ou mesmo estremecedor testamento escrito e vivido dende a outra ladeira da vida por alguén que parece ter intuído ou albiscado o outro lado ou a outra cara da existencia ou da non existencia humana: "cuando estás ya del otro lado / de tu propio existir", di o poeta en "Piazza S. Marco, 1996" (Valente, 2006: 564). Valente escribe estes poemas despois da morte do seu fillo, xa protagonista da sección "Paisaje con pájaros amarillos" de No amanece el cantor, e, conseguintemente, na época en que el mesmo experimenta graves quebrantamentos da súa saúde e incluso, como dixo tantas veces, verdadeiros avisos dun fin que podía estar próximo ou que, alomenos, xa sentira como inminente algunha vez ou mesmo que xa experimentara dalgún xeito: "El flujo de vivir se ha ido deteniendo imperceptible", declara en "Luces hacia el poniente". E con máis rotundidade afirma en "Ni siquiera": "Todo parece ahora / llevarte a la extinción" (Valente, 2006: 552).
Esta sensación de acabamento é, precisamente, a que dá o seu pleno sentido a estes Fragmentos de un libro futuro, como manifesta "Proyecto de epitafio":
De ti no quedan más
que estos fragmentos rotos.
Que alguien los recoja con amor, te deseo,
los tenga junto a sí y no los deje
totalmente morir en esta noche
de voraces sombras, donde tú ya indefenso
todavía palpitas.
(Valente, 2006: 552)
Pero no tránsito onde queda a memoria do bo e a memoria do malo, o recordo dos afectos persoais e artísticos e a constancia da impiedade e da morte, resplandece o amor, a xeito de "SOS":
Al norte
de la línea de sombras
donde todo hace agua,
rompientes,
en que el mar océano
se engendra o se deshace,
y el naufragio inminente todavía
no se ha consumado, ciegamente
te amo.
(Valente, 2006: 551)
En suma, o centro ao que se ascende e ao que se descende na poesía de Valente está en todas partes porque, aínda que a vida pase, intégrase na memoria viva da materia permanente e acaso incognoscible, como precisamente resume o poema titulado "Centro", non alleo ao erotismo esencial e cósmico característico do poeta: "Alrededor de la hembra solar aún sigue girando oscuro el universo"(Valente, 2006: 557).
NARRADOR, ENSAÍSTA E TRADUTOR
Pero as excelencias de Valente como poeta non deben facernos esquecer as que o caracterizan como prosista, tan valoradas pola súa perfección borgeana como temidas polos poderes totalitarios que fustiga. En efecto, cultivador da máis rigorosa e demoledora prosa narrativa, a súa primera obra neste xénero, Número trece, foi secuestrada pola censura franquista e ocasionoulle un auto de procesamento, pero os contos que a compuñan foron rescatados posteriormente e reunidos no conxunto "El fin de la edad de plata" seguido de "Nueve enunciaciones" [3].
Como ensaísta e crítico literario colaborou moi asiduamente na prensa cultural e diaria, ás veces en modo polémico, pero sempre valente e esclarecedor. Boa parte dos seus primeiros ensaios literarios foron reunidos en Las palabras de la tribu, mentres que moitos outros relacionados coa mística están incluídos en "Variaciones sobre el pájaro y la red", precedido de "La piedra y el centro" ou apareceron a propósito das súas edicións de Miguel de Molinos e sobre Juan de la Cruz. Postumamente apareceu unha compilación dos seus artigos sobre arte e estética, Elogio del calígrafo, e outra de artigos sobre literatura e cultura, La experiencia abisal [4].
E cómpre non esquecer tampouco o seu importante labor como tradutor de diversas linguas ao castelán, como evidencian as súas versións, dende o inglés, de Donne, Keats, Hopkins ou Dylan Thomas; dende o alemán, de Celan; dende o italiano, de Montale; dende o francés, de Aragón, Péret, Jabès e Camus, e dende o grego, do evanxélico Kata Ioanem e de Cavafis, así como a súa tradución de Hölderlin dende o alemán ao galego, reunidas todas elas no libro Cuaderno de versiones (2002) [5]. Algúns destes encontros poéticos foron decisivos na súa obra, como é o caso dos producidos con Hölderlin e Celan ou con Donne e Keats, así como con Edmond Jabès, pois o propio poeta chegou a declarar que o seu encontro con este fixo que se recoñecese a si mesmo, retroactivamente, nunha identidade, estirpe ou ascendencia dende o primeiro verso do primeiro poema do seu primeiro libro, cando a fonte era xa o deserto e, polo tanto, a orixe identificábase coa nada en toda a súa dispoñibilidade, receptividade e apertura: "Cruzo un desierto / y su secreta desolación sin nombre".
Por suposto, as súas múltiples aportacións á cultura contemporánea non pasaron desapercibidas á hora de certos recoñecementos, literarios e institucionais [6]. Ademais, traducida e recoñecida mundialmente nos máis esixentes medios intelectuais, a súa obra mereceu a atención de importantes estudosos e escritores relacionados con significativos ámbitos de Europa, de África e de América, como pode comprobarse na xa moi nutrida bibliografía existente sobre aquela e nos encontros internacionais que leva suscitado [7].
Pouco antes de morrer, Valente foi investido doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, da que fora alumno. Foi a última vez que visitou Galicia. Neste sentido, como escribiu Rosalía e parafraseou o propio Valente: "Se fue en el viento, / volvió en el aire". En efecto, foise co vento, pero volveu no aire. Levouno o vento da historia que nos desenxendraba e que nos esterilizaba, pero volveu co aire crítico e creativo que nos permitiu respirar en liberdade. Porque coa súa obra viñeron os catro elementos que conforman ou que deben conformar o noso mundo e que sempre lle agradeceremos: o lume purificador, a auga orixinaria, a terra desprovista de poderes, o aire libre, en fin, que para sempre o trouxo na palabra.
A INFINITA LIBERDADE
Ao comezo de Punto cero, Valente introduciu unha cita procedente dun suposto diario anónimo que dicía: “La palabra ha de llevar el lenguaje al punto cero, al punto de la indeterminación infinita, de la infinita libertad”. Pero para iso é necesario establecer un espazo cero no que se disolva a propia identidade de creador para que a través del circule libre o universo, tal como dende o Romanticismo máis radical se procurou entre algúns simbolistas e vanguardistas contemporáneos tanto no terreo literario coma no artístico. De feito, en sintonía con este tipo de plástica, Valente escribiu en "Cinco fragmentos sobre Antoni Tàpies": “Crear es generar un estado de disponibilidad, en el que la primera cosa creada es el vacío, un espacio vacío. Pues lo único que el artista acaso crea es el espacio de la creación. Y en el espacio de la creación no hay nada (para que algo pueda ser en él creado). La creación de la nada es el principio absoluto de toda creación”. E este “estado de no acción, de no interferencia, de atención suprema a los movimientos del universo y a la respiración de la materia” ten que ser o punto de partida do artista da retracción e do poeta cero que precisamente resultou ser, respectivamente, Tàpies e Valente. "O estado de creación é igual ao wu-wei na práctica do Tao" (Valente, 2006: 387), conclúe o poeta, seguro de que só partindo dese baleiro pode xerminar dicir interminable da palabra poética.
Unha palabra que só o abandonou cando chegou ao cume, pois, como si houbera consagrado a súa vida á poesía para escribir un único e último poema, Valente terminou Fragmentos de un libro futuro alcanzando a súa particular e á vez universal cima do canto, pois a despersonalización e a fusión propias do haikú e en xeral da poesía do Extremo Oriente [8], difuminadoras do eu e integradoras de todo, quedaron para sempre contidas nos seus versos verdadeiramente máis definitivos:
Cima del canto.
El ruiseñor y tú
ya sois lo mismo.
(Valente, 2006: 582)
[1] O itinerario persoal de Valente apareceu relatado por el mesmo en Claudio Rodríguez Fer, “Entrevista vital a José Ángel Valente: de Ourense a Oxford”, Moenia. Revista lucense de Lingüística & Literatura, 4 (1998), Lugo, 1999, 451-464, e “Entrevista vital a José Ángel Valente: de Xenebra a Almería”, Moenia. Revista lucense de Lingüística & Literatura, 6 (2000), Lugo, 2001, 185-210.
[2] As últimas compilacións da obra poética en castelán de Valente foron, en vida do poeta, Punto cero y Material memoria, Madrid, Alianza, 1999, e, xa postumamente, Fragmentos de un libro futuro, Barcelona, Galaxia Gutenberg / Círculo de Lectores, 2000. A última compilación da súa obra poética en galego feita en vida foi Cántigas de alén, Compostela, Consorcio de Santiago, 1996, con gravados de Eduardo Chillida, introdución de Claudio Rodríguez Fer e versión castelá de César Antonio Molina e do propio autor. Estes libros e outros textos poéticos dispersos están reunidos en Obras completas I. Poesía y prosa, Barcelona, Galaxia Gutenberg / Círculo de Lectores, 2006, introdución e edición de Andrés Sánchez Robayna, volume que inclúe tamén a narrativa e as traduccións efectuadas por Valente. Os textos creativos citaranse por esta edición e os ensaísticos por Obras completas II. Ensayos, edición de Andrés Sánchez Robayna e introdución e recopilación de Claudio Rodríguez Fer, Barcelona, Galaxia Gutenberg / Círculo de Lectores, 2008, que reúne os libros de ensaio e moitos máis textos ensaísticos dispersos.
[3] "El fin de la edad de plata" seguido de "Nueve enunciaciones", Barcelona, Tusquets, 1995.
[4] "Variaciones sobre el pájaro y la red" precedido de "La piedra y el centro", Barcelona, Tusquets, 1991; Elogio del calígrafo, Barcelona, Círculo de Lectores / Galaxia Gutenberg, 2002; La experiencia abisal, Barcelona, Círculo de Lectores / Galaxia Gutenberg, 2004.
[5] Cuaderno de versiones, edición e introdución de Claudio Rodríguez Fer, Barcelona, Círculo de Lectores / Galaxia Gutenberg, 2002.
[6] Premio Adonais de Poesía en 1954, Premio de la Crítica en Poesía en 1960 y 1980, Premio de la Fundación Pablo Iglesias en 1984, Premio Nacional de Poesía en 2000, Premio Príncipe de Asturias de las Letras en 1988, Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana en 1998, Oficial de la Orden de las Artes y de las Letras de Francia en 1999.
[7] Véxase Bibliografía.
[8] Boa parte da poesía orientalizante de Valente foi presentada e reunida en manuscritos sobre tea na obra Cima del canto, edición e introdución de Claudio Rodríguez Fer, con serigrafías e aguafortes de Coral, Valladolid, El Gato Gris, 2001.