
Baixo o título ‘A brigada invisible. Kellys, criadas e internas saen a escena’, o programa do 12 CO(M)XÉNERO aborda unha máis das múltiples violencias que as mulleres sofren “ao ser asociadas ao traballo mal remunerado dos coidados e que convén analizar desde as súas representacións e ocultamentos”, explican dende o grupo de Estudos Audiovisuais da USC. O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da Facultade de Ciencias da Comunicación botará a andar o 4 de novembro, ás 16.30 horas, coa intervención de Vania Arana e Georgina Cisquella. O foro estenderase ata o día 5 e a inscrición pode formalizarse de balde, ata o 31 de outubro, a través dun formulario en liña.
“O corpo e a vida das traballadoras fica oculto tras as habitacións de hotel limpas, as casas de luxo en orde ou as porterías diminutas; non sucede acotío atopar no cinema documental a realidade destas mulleres, das que a metade habitan fogares baixo o limiar da pobreza en España”, apuntan dende Estudos Audiovisuais. Este sector, principalmente feminizado e migrante, supón case o 4% dos empregos do Estado, superior ao sector da construción ou ao das finanzas. Porén, os seus dereitos non están equiparados co resto de traballadores e tampouco a súa visibilidade fílmica alén dos tópicos. Neste senso, o 12 CO(M)XÉNERO propón traballar sobre outras perspectivas deste traballo case exclusivamente feminizado, “movéndonos entre o documental, o experimental, o militante e o híbrido”, matizan.
A actividade está aberta ao público en xeral, mais diríxese especialmente a profesionais e persoal investigador no eido das ciencias da comunicación, estudantes do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporáneas e estudantes dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo.
