Ir o contido principal

Xornada 'Animais e bestiarios nunha idade media simbólica'

27.10.2025 | 10.00h

Santiago
Salón de Graos

Detalle do cartel
Detalle do cartel

Filoloxía acolle o luns 27 unha xornada de estudo e reflexión arredor do emprego das figuras de animais en distintas representacións artísticas durante a Idade Media. Ao longo do evento, que comeza ás 10.00 horas e se estenderá ao longo da tarde, especialistas da Literatura Medieval e da Historia da Arte da USC e doutras universidades españolas e estranxeiras reflexionarán acerca da formación dos Bestiarios latinos e medievais e do uso que autores e artistas fixeron das imaxes dos animais nas súas obras ao longo deses séculos cruciais na formación da nosa identidade cultural. 

Verase como neses tratados teóricos a descrición dos exemplares de animais (coñecidos, descoñecidos e fantásticos) respondía tanto a características físicas como a apreciacións de carácter moral puramente humanas. Así, ao longo da Idade Media, os animais e os seus costumes quedaron convertidos en símbolos e alegorías da vida das persoas, das súas virtudes e dos seus vicios, ao ter asumido ao longo da tradición determinados valores simbólicos que lles foron inxectados polo cristianismo, ata facer de cada especie a representación dunha característica (positiva ou negativa) propia da conducta humana. 

Ao longo da xornada proporanse exemplos de obras literarias e artísticas que se serviron da representación de imaxes zoomórficas na súa elaboración, e que demostran que o público medieval, para quen se tecera esa rede de símbolos e figuras alegóricas, era quen de captar inmediatamente e sen grande esforzo esoutro significado que habitualmente acompañaba a certos animais, "e que hoxe se nos escapa se non temos un ollo experimentado e o (re)coñecemento da tradición", explican dende a organización da actividade. "A presenza de animais nas obras literarias de distintos xéneros, nas portadas, tímpanos e capiteis das igrexas non servía só como elemento decorativo, senón que adquiría un carácter pluridimensional, xustamente porque ese determinado animal xa viña especificamente connotado nos bestiarios, e era susceptible dunha interpretación moral que ampliaba enormemente o significado primeiro da contemplación dunha obra de arte", conclúen.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2025.