Ir o contido principal

Adinu Galicia defende a profesión de dietista-nutricionista como parte esencial da sanidade pública

Adinu Galicia defende a importancia dunha alimentación saudable. Foto: Santi Alvite
Adinu Galicia defende a importancia dunha alimentación saudable. Foto: Santi Alvite
A Asociación de Dietistas e Nutricionistas Universitarios de Galicia (Adinu), integrada por 40 estudantes de grao na Facultade de Ciencias da USC, demanda máis visibilidade dun título que contribúe a sensibilizar á sociedade da importancia da boa alimentación

A Asociación de Dietistas e Nutricionistas Universitarios de Galicia (Adinu Galicia), un colectivo nado en 2015 a iniciativa do alumnado do grao en Nutrición Humana e Dietética impartido pola USC na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, defende o carácter esencial que pode desenvolver a figura do dietista-nutricionista no ámbito da sanidade pública, a cuxo cadro profesional aínda non estamos incorporados, segundo indica a súa presidenta, Sara Rivas.

Alén de reiterar a xa vella demanda deste colectivo de profesionais do ámbito sociosanitario, Sara Rivas salienta a necesidade de trasladar á sociedade á importancia dunha boa alimentación, un obxectivo ao que tamén contribúe o labor dos dietistas-nutricionistas e co que tamén está comprometido Adinu Galicia.

A sensibilización social e a mellora da formación e dos futuros dietistas e nutricionistas titulados a través da promoción de actividades de divulgación científica ligadas ao campo da nutrición, así como doutro tipo de formación complementaria á impartida nas clases, centran boa parte do traballo que realiza Adinu Galicia desde o seu nacemento como asociación, lembra esta estudante do grao en Nutrición Humana e Dietética.

A presidenta de Adinu Galicia recoñeceu que as consecuencias da pandemia causada pola COVID-19 tamén afectaron ao programa de actividades que vén impulsando a asociación e que se traducen en charlas o congresos sobre cuestións actuais e de interese no ámbito da nutrición. Aínda así, Rivas comentou que esta situación excepcional propiciou que parte das acción de formación e divulgación se desenvolveran en liña, tal e como foi o caso do programa ‘Nutrición, en abril charlas mil’. Este ciclo, estruturado en relatorios con periodicidade semanal, permitiu que o colectivo de socios de Adinu Galicia, así como calquera outra persoa interesada puidera ampliar os seus coñecementos sobre a materia.

A diferencia desta iniciativa xa consolidada no programa de formación de Adinu Galicia, a presidenta do colectivo lamentou a imposibilidade de dar continuidade este curso aos obradoiros sobre ‘almorzos saudables’ desenvolvidos outros anos en colaboración co Concello de Lugo en colexios da cidade, e durante os que os futuros dietistas-nutricionistas explican ao alumnado de primaria as claves dun almorzo saudable.

Sara Rivas, presidente de Adinu Galicia
Sara Rivas, presidente de Adinu Galicia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2021.