Ir o contido principal

A Aula Tic Pemes da USC e Cogami promoven un curso de habilidades empresariais para persoas con discapacidade física

Cartaz do curso experto en desenvolvemento de habilidades empresariais promovido ao abeiro do proxecto Edison
Cartaz do curso experto en desenvolvemento de habilidades empresariais promovido ao abeiro do proxecto Edison
O programa, que favorece a inserción e a integración coa empregabilidade, ten unha duración de 240 horas e precisa da colaboración externa para apadriñar ao alumnado
Lugo

A Aula Tic Pemes da USC promove en colaboración con Cogami un curso de experto en desenvolvemento de habilidades empresariais orientado á participación de persoas con discapacidade física recoñecida e carentes de estudos superiores en xestión empresarial.

Esta actividade formativa impulsada pola Aula Tic Pemes da USC ao abeiro do proxecto Edison procura favorecer a inserción e a integración de persoas en risco de exclusión, tal e como poden ser as que teñen algún tipo de discapacidade física, a través do emprego, segundo sinalou a profesora da USC e directora da Aula Tic Pemes da USC, Ángeles López Cabarcos.

O programa do curso de experto en desenvolvemento de habilidades empresariais está estruturado en 240 horas e desenvolverase de xeito parello ao curso académico desde novembro de 2019 ata xuño de 2020. O curso inclúe un período de formación presencial de 80 horas, cuxas clases serán impartidas por persoal da Aula Tic Pemes na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo. Unha vez rematada esta fase de aprendizaxe, o alumnado poderá gozar dunha estadía de prácticas laborais durante 160 horas en empresas e institucións adheridas a esta iniciativa.

As persoas, empresas e entidades interesadas en sumarse a este proxecto a prol da inserción social de persoas en situación de desemprego e risco de exclusión poden solicitar máis información sobre o desenvolvemento deste programa e respecto do apadriñamento de alumnos e alumnas a través do enderezo de correo electrónico atpemes [at] usc.es (atpemes[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.