Ir o contido principal

“O Camiño é a primeira marca de Galicia e favorece múltiples empresas”, afirma a CEO da SA de Xestión do Xacobeo

Alumnado da Facultade de ADE, na sesión inaugural do curso
Alumnado da Facultade de ADE, na sesión inaugural do curso
Cecilia Pereira ofreceu o relatorio de apertura de curso na Facultade de ADE, no marco dunha sesión na que tamén participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, o decano Roberto Bande, a profesora Paula Vázquez, en representación da Comisión de Xénero do centro universitario
Lugo

“O Camiño de Santiago é a primeira marca de Galicia, favorece o xurdir de múltiples iniciativas empresariais relacionadas e xera o 11% do PIB autonómico”, sinalou este mércores a CEO da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, Cecilia Pereira Marimón, na lección inaugural de apertura de curso na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, unha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘O Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22’.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o decano da Facultade de ADE da USC, Roberto Bande Ramudo, e a profesora do citado cnetro universitario e integrante da súa comisión de Xénero, Paula Vázquez, tamén participaron neste acto institucional de apertura de curso, unha sesión que tamén serviu para dar a benvida ao novo alumnado matriculado nos graos en ADE e Empresa e Tecnoloxía.

A intervención de Cecilia Pereira serviu para afondar na dimensión transversal xa acadada polo Camiño de Santiago, “o primeiro itinerario cultural europeo”, salientou, para logo engadir que esta ruta cultural é tamén a primeira das 38 actualmente recoñecidas en Europa”.

A dimensión social, económica, turística e tamén a súa fonda influencia en cuestións demográficas, como é a fixación da poboación e, entre outras, a súa contribución ao progresivo despoboamento das áreas rurais, constitúen, na opinión de Cecilia Pereira, algúns dos múltiples efectos positivos que reporta o Camiño de Santiago a Galicia e á súa sociedade. A CEO da SA Xestión do Xacobeo tampouco dubidou en sinalar o Camiño de Santiago como o principal responsable de que Galicia reciba cada ano visitantes chegados de 180 países dos distintos continentes.

Cecilia Pereira, Francisco Fraga, Roberto Bande, Paula Vázquez, na sesión inaugural
Cecilia Pereira, Francisco Fraga, Roberto Bande, Paula Vázquez, na sesión inaugural
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2022.