Ir o contido principal

Carmen Rivas Fraga gaña a cuarta edición do certame de pintura Crearte

Obra 'O que declina', de Carmen Rivas Fraga, gañadora do IV certame Crearte
Obra 'O que declina', de Carmen Rivas Fraga, gañadora do IV certame Crearte

O xurado da cuarta edición do certame de pintura CreArte que convoca a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais decidiu premiar a obra ‘O que declina’ de Carmen Rivas Fraga, que ademais dos 600 euros do premio verá cómo o cadro pasará a formar parte do patrimonio da Facultade, sendo exposta durante un ano no seu ‘Espazo de Arte’ reservado para tal fin. Nesta ocasión o xurado que resolveu estivo formado polo decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Manuel Monterroso; o artista plástico Xurxo Martiño; a comisaria de exposicións Cristina Carballedo; e a decana da Facultade convocante, Emilia Vázquez. As obras presentadas ao concurso estarán expostas na entrada da Facultade durante un mes, e o premio a Carmen Rivas será entregado o próximo mércores 8 ás 12.00 horas, dentro dos actos de celebración do patrón do centro. O certame de pintura CreArte convócase coa intención de potenciar e difundir a creación artística dos membros da comunidade universitaria e, nesta cuarta convocatoria, tamén á sociedade en xeral. Para participar no concurso débese presentar unha única obra inédita de temática e técnica libres e dunha dimensión non inferior a 50x50 centímetros nin superior a 120x120.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2015.