Un curso debaterá as posibilidades da mediación en materia de igualdade de xénero
‘ Igualdade de xénero e mediación: unha oportunidade por explorar’. Os días 19 e 20 de xullo o curso dirixido pola profesora Raquel Castillejo Manzanares tentará achegar resposta a esta cuestión da man dun cadro de especialistas procedentes das universidades Carlos III, Ramón Llul, UNED, de Oviedo, de Barcelona e do País Vasco, así como profesionais directamente relacionados coas cuestións propostas. O prazo de matrícula remata o 7 de xullo.
Como explican as súas promotoras, esta actividade formativa pretende profundar respecto dalgunhas das manifestacións da desigualdade de xénero. Concretamente, p obxectivo é “traballar así pois, naqueles escenarios nos que a desigualdade e a violencia comeza a xestarse e desenvolverse, naqueles escenarios nos que a violencia se amosa como desigualdade de oportunidades, salarial,...”. O curso ten unha carga lectiva de 15 horas e desenvolverase na Facultade de Dereito.
A partir dunha reflexión sobre o que é a mediación, entre as cuestións que está previsto se aborden no programa figuran cuestións como a incorporación desta cuestión ao ámbito educativo, a mediación como forma de prevención e intervención fronte casos de bullying con motivación sexista, a mediación en contextos organizacionais, contra discriminación da muller e como ferramenta contra a desigualdade de xénero no ámbito laboral. Para pechar o curso está prevista unha mesa sobre novos discursos penais para facer fronte á violencia contra as mulleres.