O embaixador de Portugal coñece a actividade docente e investigadora de Filoloxía
A Facultade de Filoloxía recibiu a visita do embaixador de Portugal en España, João Mira-Gomes, onde mantivo diversos encontros con representantes da comunidade do centro. Logo de ser recibido polo decano Elias J. Feijó Torres, o embaixador participou nunha xuntanza con alumnado e profesorado do centro para coñecer as distintas actividades que esta Facultade promove no ámbito dos estudos lusófonos.
A visita permitiulle coñecer a oferta docente oficial, tanto de grao, mestrado e doutoramento, como toda a oferta que esta Facultade desenvolve no ámbito lusófono tanto no relativo á programación cultural como ao desenvolvemento de investigación aplicada a través, por exemplo, dos grupos de análise de aspectos lingüísticos e literarios na lusofonía ou o de estudos dos sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de lingua portuguesa.