Unha experiencia de Aprendizaxe en Servizo en Formación do Profesorado busca mellorar os parques infantís da cidade
Resultado dunha experiencia metodolóxica de ‘Aprendizaxe en Servizo’ liderada por dous docentes da USC, estudantes dos graos de mestre en Educación Infantil e Primaria realizaron un informe sobre os parques infantís de Santiago que este martes lle entregaron na Facultade ao titular de Educación e Cidadanía do Concello, Manuel Dios Diz. Nese acto, o concelleiro comprometeuse co alumnado a que tanto o alcalde Mariño Noriega como o responsable de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, estudarán o informe e lles darán unha resposta en acto público.
Os docentes Julia Crespo e Eugenio Rodríguez, ambos os dous da Facultade de Ciencias da Educación, lideraron esta experiencia de Aprendizaxe-Servizo (ApS), deseñada desde as materias ‘ Xogo Infantil’ (4º curso) e ‘Organización e Xestión do Centro Escolar’ (2º curso). A proposta combina a avaliación dos espazos e mobiliario dos parques infantís de titularidade pública da cidade coa observación das accións que realizan neles os nenos e nenas, que poden ser interpretadas en clave educativa.
“Pretendemos realizar unha análise que nos permita detectar as posibilidades educativas deste tipo de espazos coa intención de melloralos ou propoñer a súa mellora aos responsables do seu proxecto, construción e mantemento”, explica Julia Crespo.
Os parques como espazos educativos
O ApS é unha metodoloxía que combina nunha soa actividade a aprendizaxe dos contidos, competencias e valores coa realización de tarefas de servizo á comunidade. O coñecemento utilízase para mellorar algo da comunidade, e o servizo convértese nunha experiencia de aprendizaxe que proporciona coñecementos e valores. Esta metodoloxía, engade a profesora Crespo, permite aos estudantes adquirir uns coñecementos construídos desde un significado persoal “e dota á práctica educativa dun valor social que tamén se converterá en parte da experiencia de aprendizaxe”.
“Buscamos a reflexión sobre a importancia do parque infantil para a educación dos nenos e nenas”. Cuestións como a seguridade destes espazos, a súa adaptación á poboación de uso, a súa situación e acceso, os valores que pode imprimir ou os conflitos de convivencia son aspectos “que debemos valorar en toda a súa dimensión se queremos coñecer o valor dun espazo potencialmente educativo, formativo e socialmente activo”, matiza Crespo.
Así, o alumnado dividido en diversos grupos realizou un traballo de observación centrado en dous eixos. Por unha banda, a avaliación do cumprimento dos requirimentos normativos das instalacións destes espazos e, por outra, o uso que os nenos e nenas fan e o tipo de interaccións que levan a cabo entre eles.
Ao remate do traballo de campo, os docentes prepararon un informe xeral que unha vez consensuado, con conclusións e propostas, se lle presentou ao concello de Santiago de Compostela para que poidan traballar con el na mellora dos parques, de ser o caso.
Metodoloxía para a formación integral
Os docentes responsables da iniciativa elixiron a técnica de ApS por ser “a idónea dado o tipo de profesional que queremos formar”. “Non só porque senta as bases para que o alumnado alcance un maior grao de dominio dos contidos e obxectivos ligados aos currículos das materias senón porque nos brinda un espazo de toma de conciencia sobre a necesidade de construír unha sociedade mellor desde unha achega persoal e de traballo en equipo e desde unha perspectiva de traballo colaborativo entre institucións e persoas”, engade.
En suma, os docentes están convencidos de que a experiencia capacita ao alumnado para entender que o proceso formativo do neno “se realiza dentro dun continuo espacial e temporal, no que a escola soamente é unha parte”. “Esta visión de conxunto é a que fundamenta a necesidade de que a escola, e as institucións educativas en xeral, permanezan abertas ao diálogo coa contorna no que están inseridas”, conclúen.
Á xuntanza acudiu o alumnado que traballou na experiencia de Aprendizaxe en Servizo (Foto: SERVIMAV-USC)