As Faíscas Culturais acenden a reflexión arredor do cambio climático
A reflexión arredor do cambio climático é o eixo sobre o que se asenta a segunda vaga de Faíscas Culturais que botou a andar este martes 7 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Baixo o lema ‘Narrativas efectivas para comunicar o cambio climático’, estudantado, docentes e membros de Rebelión Científica Galicia analizaron diferentes medios e formatos para localizar xeitos eficaces para comunicar o cambio climático e inducir á toma de conciencia e á acción.
Esta é a primeira dunha serie de intervencións que se estenderán polas facultades de Farmacia, Ciencias, Veterinaria, Psicoloxía, Bioloxía e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría coa vontade de prender o espírito crítico do alumnado. Ademais, esta segunda vaga das Faiscas ten como pano de fondo a mostra ‘Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra’ que pode visitarse no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A exposición acolle artistas do Norte de Portugal e Galicia que, nalgúns casos, abordan a través da súa obra a complexidade da loita medioambiental, mentres que noutros acométese o relato de historias concretas, ademais de analizar causas e consecuencias, “intentando pensar como chegamos ata aquí e que podemos facer ao respecto”, tal e como explica o profesor da USC Federico López Silvestre, comisario da mostra xunto a María Gil e Sergio Meijide.
As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado, inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.
Programa
‘O cambio climático visto dende o meu laboratorio’ é a Faísca que se desenvolverá en Farmacia o vindeiro 22 de novembro, ás 19.00 horas. O mesmo día pero ás 11.00 horas será a quenda da Facultade de Ciencias coa intervención titulada ‘Urxencias climáticas. Un planeta na UCI? + Bahía Botánica, unha acción performativa con música e plantas a cargo de Hugo Torres’. A mesma Faísca desenvolverase en Veterinaria a partir das 18.00 horas.
Psicoloxía acollerá o 29 de novembro, ás 16.30 horas, a Faísca titulada ‘Canto cres que sabes de psicoloxía ambiental? A importancia da conduta humana’. ‘A xestión de residuos como panca clave na loita contra o cambio climático’ é o nome da intervención que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o 1 de decembro, ás 12.30 horas. Finalmente, o 13 de decembro, Bioloxía albergará a Faísca ‘Bioarte para a concienciación sobre o cambio climático’. A sesión terá lugar ás 12.00 horas.
Ás accións desenvolvidas nas escolas e facultades da USC súmase, o 21 de novembro ás 11.00 horas, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, a palestra-performance titulada 'A Grande Sucessão: Sobre Redes'. Desenvolvida polo colectivo artístico Landra, consistirá na tradución dos procesos biolóxicos a música e ruído. Terá o compoñente performativo, pero tamén servirá de workshop interactivo para que o alumnado entenda a peza dende o proceso creativo dos e das artistas.
Como colofón a esta segunda vaga de Faíscas desenvolverase a ruta dirixida por Luís Miguel Serrano ‘Desvelando a flora urbana e o seu potencial na configuración dunha cidade biodiversa’. Será o 1 de decembro ás 12.00 horas.