As Faíscas Culturais aterran en Ciencias e Veterinaria da man de Hugo Torres, coa performance ‘Bahía botánica’
O programa Faíscas Culturais, unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural, aterrou este mércores nas facultades de Ciencias e de Veterinaria do Campus de Lugo con ‘Bahía botánica’, un relatorio performativo con música e plantas, a cargo de Hugo Torres.
A primeira das Faíscas Culturais programadas este martes na sede universitaria luguesa desenvolvéronse no marco dunha aula aberta a cargo dos profesores Eugenio Fernández Carrasco e Jorge Proupín Castiñeiras. A esta primeira intervención seguiu a acción performativa con música e plantas ‘Bahía botánica’, a cargo do actor, músico, compositor e director artístico luso, Hugo Torres, quen, xa en quenda de tarde, trasladou a súa creatividade á Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria.
A nova edición das Faíscas Culturais da USC, que levan por título 'Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra', afonda na exploración de como a “ansiedade climática” está a calar nas investigacións de artistas 'millennial' de Galicia e do norte de Portugal a través de aulas abertas e conversas que percorren varios dos centros da USC e se complementan cunha exposición itinerante coordinada por Federico López Silvestre.