Ir o contido principal

Francesco Tonucci e Claire Chenu incorpóranse ao claustro de ‘honoris causa’ da USC

Teresa Barral, esquerda, Claire Chenu, Antonio López, Francesco Tonucci e Belén Caballo. FOTO: Santi Alvite
Teresa Barral, esquerda, Claire Chenu, Antonio López, Francesco Tonucci e Belén Caballo. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López salientou as súas importantes achegas na mellora da educación en liberdade da infancia e na procura da sustentabilidade dos ecosistemas agrícolas

Claire Chenu e Francesco Tonucci, figuras senlleiras nos seus respectivos campos do coñecemento, incorporáronse este venres ao claustro de doutoramentos honoris causa da USC polos seus traballos a prol da sustentabilidade e da mellora na educación de nenas e nenos, dous dos ámbitos de interese da USC, segundo lembrou o reitor. Antonio López puxo de relevo o labor do profesor Tonucci no eido da pedagoxía e salientou as súas propostas para a mellora das escolas e para que “nenas e nenos poidan vivir unha experiencia autónoma de cidadanía”. Así mesmo, salientou o traballo da profesora Chenu “na conservación da biodiversidade dos ecosistemas agrícolas”, que é crucial para a seguridade alimentaria das persoas.

Francesco Tonucci
Nun discurso que abriu en galego e no que tamén empregou o francés e o castelán, Tonucci afirmou que o obxectivo do sistema educativo debería ser axudar as nenas e os nenos “a desenvolver a súa personalidade ao máximo”, para o cal “é necesario escoitalos” e permitirlles “vivir libremente”, e nese sentido puxo de relevo a importancia de dedicarlle tempo ao xogo en liberdade e reducir o tempo de emprego das pantallas entre as rapazas e rapaces de menor idade -televisión, móbiles...-, que favorecen o illamento do mundo real para refuxiarse nun mundo virtual.

Recoñecido mestre e pedagogo italiano, en 1966 comezou a traballar como investigador no Instituto de Psicoloxía do Consiglio Nazionale delle Ricerche (Roma) abordando, entre outros, a relación entre o desenvolvemento cognitivo e os métodos de ensino, o nacemento da lectura e a escritura, o desenvolvemento da linguaxe gráfica, a formación do profesorado ou a educación e divulgación científica na infancia. Desde 1968, baixo o pseudónimo de Frato, debuxa viñetas e cómics satíricos que acompañan a súa actividade investigadora.

De 1992 a 1998 foi responsable de importantes proxectos de investigación en Italia e desde 1991 é responsable do proxecto internacional ‘A cidade das nenas e dos nenos’ que propón un cambio da cidade cara ao desenvolvemento sostible, tomando como parámetro a infancia; hoxe o proxecto está presente en máis de 200 cidades de 15 países de Europa e América Latina. Obtivo numerosos recoñecementos, entre eles o de profesor honoris causa da Pontificia Universidade Católica do Perú, doutoramentos honoris causa polas Universidades de Santa Fe, La Plata e Universidade Católica de Córdoba (Arxentina) e de Lleida e Oviedo en España. Os seus libros constitúen referencia obrigada no ámbito da pedagoxía.

A profesora Belén Caballo, madriña do profesor Tonucci, lembrou que “sempre estivo á vangarda da renovación pedagóxica, xerando coñecemento cunha mirada analítica, crítica e comprometida coa transformación social” e que pode ser considerado precursor en moitos ámbitos, e o compromiso coa transferencia social do coñecemento.  súa visión da infancia, a súa visión ampla da educación e o seu compromiso coa transferencia social do coñecemento. A súa conexión con Galicia iníciase en 1988 e desde aquela colaborou con diferentes municipios, movementos de renovación pedagóxica, asociacións de nais e pais e Facultades de Educación, entre elas a da USC.

Claire Chenu
A nova doutora honoris causa abriu o seu discurso lembrando que un 95% dos alimentos que consumimos proceden dos solos e que a metade das especies animais viven directamente sobre o solo, de aí a importancia que ten a súa conservación para o mantemento das condicións idóneas no ecosistema planetario, pois entre outras funcións reciben a auga da chuvia que filtran ou manteñen, sendo unha parte fundamental do ciclo da auga.

Chenu é na actualidade directora de investigación do Instituto Nacional de Investigación para a Agricultura, a Alimentación e o Medioambiente de Francia (INRAE), sendo recoñecida internacionalmente polas súas contribucións metodolóxicas e conceptuais á comprensión das complexas interaccións entre os organismos vivos e os compoñentes orgánicos e minerais do solo. Comezou estudando os fenómenos de agregación do solo de orixe biolóxica, obtendo o doutoramento pola Universidade de Paris VII en 1985. Profundou nesta liña mediante técnicas daquela moi innovadoras, como a microscopía electrónica de transmisión e varrido, e a bioxeoquímica de isótopos. Dende entón, a súa traxectoria caracterízase por un enfoque multidisciplinar para investigar a dinámica da materia orgánica do solo, a súa interacción coa materia mineral e a microbiota edáfica, a persistencia por diversos mecanismos de protección, e o seu papel nas diversas funcións e servizos ecosistémicos do solo.

A profesora María Teresa Barral subliñou que “o seu interese por transferir o coñecemento á sociedade e promover un desenvolvemento sostible dos solos levouna a asumir responsabilidades en grandes consorcios de investigación e a participar en iniciativas en materia de política científica” e “os seus estudos son de grande interese para Galicia, que acumula nos seus solos a maior reserva de carbono orgánico da península. Aquí,  as propiedades dos solos están moi condicionadas polo seu contido en materia orgánica, máis elevado do que o clima permite predicir, debido precisamente a súa interacción cos compoñentes minerais, nomeadamente, con diversas formas de aluminio, que inhiben a súa descomposición polos microorganismos. A doutoranda mantén, ademais, relación coa Universidade de Santiago dende hai anos, impartindo conferencias e acollendo no seu laboratorio a investigadores postdoutorais egresados da nosa institución, agora profesores no sistema universitario de Galicia”.

Cerimonial
Acompañaron o reitor na mesa presidencial Pilar Bermejo Barrera, vicerreitora de Política Científica; María José López Couso, vicerreitora de Internacionalización e Innovación da USC; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado e María Cristina Naya Riveiro, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC. A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, tomou xuramento aos novos ‘honoris causa’ e, finalmente, o reitor impúxolles as respectivas medallas.

Conferencia de Francesco Tonucci
O novo doutor honoris causa ofreceu este xoves unha conferencia na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur, co título 'Cos ollos de Frato. Conversa coloquio con Francesco Tonucci'.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2024.