Ir o contido principal

O GCSUS mantén aberta a mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ ata o 16 de xuño no Mihl

Cárdenas explica unha das pezas incluída na exposición sonora aberta no Mihl diante do vicerreitor Pedro García Herradón
Cárdenas explica unha das pezas incluída na exposición sonora aberta no Mihl diante do vicerreitor Pedro García Herradón
A exposición, presentada en forma de instalacións sonoras ou audiovisuais, achega ao público obras e creacións artísticas presentadas no marco dos ‘Sons Creativos’

O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela (GCSUS) manterá ata o vindeiro 16 de xuño as visitas á mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, unha exposición artellada ao abeiro da quinta edición do programa ‘Sons Creativos’, coordinado pola directora do GCSUS, a catedrática da área de Música da USC, Inmaculada Cárdenas, e que permanece aberta ao público nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) desde o 11 de maio.

A exposición ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ achega ao público obras compostas polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), entre as que se atopan pezas electroacústicas e propostas audiovisuais. A mostra inclúe tamén dous dos antecedentes de arte sonora desenvolvidos en Lugo co apoio da Universidade de Santiago, como o concerto de esculturas sonoras, a cargo do grupo Espacio Permeable, e o concerto de campás Sacra Lucus, de Llorenç Barber. A mostra, presentada en forma de instalacións sonoras ou audiovisuais, inclúe información sobre o traballo desenvolvido polo Grupo de Creación Sonora da USC. Nesta relación cómpre citar ‘ Música&Arquitectura’, do 2001; a opera ‘Serea e contador de contos’, de 2002; Grupo de creación musical en concerto, de 2007; Música e entorno, de 2009, e Música, espazos e cidade’, presentado o pasado ano 2012 e no se compilan os resultados dos traballos das tres primeiras edicións de ‘Sons creativos’. Asemade, esta colectiva tamén permite ouvir o concerto ‘Construír/Deconstruír’, que serviu de colofón á última edición de ‘Sons Creativos’.

Os promotores desta obra colectiva, que xa recibiu a visita de varios centos de persoas ao longo do mes de maio, ofrecen tamén a posibilidade de participar nos itinerarios guiados que se organizan todos os xoves, a partir das 19.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2013.