O grupo de Proxectos e Planificación da USC prevé desenvolver e apoiar investigacións do Center for Water Resources da India
O grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe o catedrático Carlos J. Álvarez López, prevé desenvolver e no seu caso apoiar diferentes liñas de investigación nas que está a traballar o Center for Water Resources da India, dependente da Anna University, segundo sinalou o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo Javier Cancela.
Este investigador do grupo Proxectos e Planificación da USC, que está a acompañar a Arunbabu Elangovan e Ramji Vaidhyanathan, dous profesores Anna University, da India, durante a súa estadía na institución académica compostelá, sinalou que unha das pretensións deste primeiro intercambio é a que atinxe ás pretensións do Proepla de reforzar a dimensión internacional dos seus traballos de investigación, sobre todo naquelas liñas nas que tamén está a desenvolver o Center for Water Resources. Os investigadores do Center for Water Resources da India están a desenvolver liñas de traballo orientadas a reducir a cantidade de auga empregada para producir un arroz de calidade a través da implementación de diferentes estratexias de rego con sistemas de rego localizado, a diferenza do clásico sistema de rego por inundación. Este campo de traballo, no que o Proepla conta con ampla experiencia, podería deparar a colaboración deste grupo da Universidade de Santiago co cetro da India, segundo indica Cancela. Outras das posibilidades de colaboración entre este grupo de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo e o Center for Water Resources da India son as que atinxen á implantación de calendarios de rego, xunto coa modelización das necesidades hídricas de cultivos, en particular de cultivos comúns como o millo ou tamén de cultivos específicos desta rexión asiática, tal é como é o caso do arroz.
Este primeiro contacto entre a Anna University e a Universidade de Santiago podería dar tamén pé a unha relación máis estable entre as dúas institucións académicas, que, a medio prazo, incluso poderían formalizar acordos para o intercambio estable de estudantes, profesores e investigadores.