O LaboraTe da USC reúne medio cento de persoas no Cactus de Lugo nun foro técnico sobre mobilidade das terras en Galicia

O Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo dependente da Consellería de Medio Rural congregaron no edificio Cactus do campus de Lugo preto de medio centenar de participantes nunhas xornadas técnicas e de transferencia d coñecemento arredor da mobilidade das terras en Galicia.
Unha reflexión colectiva sobre as necesidades de terra como base territorial abriu o programa desta xornada, no marco da que o técnico de apoio á investigación do LaboraTe Francisco José Ónega López explicou algunha das singularidades do funcionamento do banco de terras, mentres que, de seguido, María López Folgueira afondou sobre cuestións relativas á reestruturación parcelaria e ás permutas.
A presentación e posta en común de diversos proxectos pilotos relacionados coa mobilización das terras, tal e como o son as iniciativas Mobilízate, o proxecto Marcos ou mesmo a ferramenta informática para a agrupación de parcelas deseñada por Jorge Parapar completaron o programa matinal. O obradoiro Agrupa, no que os participantes tiveron oportunidade de explorar as potencialidades das ferramentas informáticas de agrupación de parcelas, deu continuidade á xornada en quenda de tarde.
Participantes na xornada organizada no Cactus de Lugo polo Laborate da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo