Ir o contido principal

O libro Las Medicinas de la Historia Española en América presentouse na Real Academia Nacional de Farmacia

Enrique Raviña. Foto  Real Academia Nacional de Farmacia
Enrique Raviña. Foto Real Academia Nacional de Farmacia
A obra, da autoría do catedrático de Química Farmacéutica ad honorem Enrique Raviña, está coeditada pola USC e a Fundación Lilly

A Real Academia Nacional de Farmacia, en Madrid, foi o escenario da presentación do libro do catedrático ad honorem da USC Enrique Raviña As Medicinas da Historia Española en América, coeditado pola Universidade de Santiago e a Fundación Lilly. A obra fai un repaso pola historia das novas plantas medicinais e drogas que chegaron a España tras o descubrimento e a colonización de América. Para facela máis atractiva e satisfacer a curiosidade histórica, a obra está ilustrada con preto de 200 fotografías, algunhas delas da colección de drogas crúas da Facultade de Farmacia da USC, cunha antigüidade de máis dun século.

Tal e como sinala o autor, este libro “pecha unha triloxía relativa á orixe e evolución dos medicamentos dos que hoxe, afortunadamente, se beneficia a humanidade”. A obra cobre de forma detallada as drogas crúas que os españois atoparon como consecuencia da colonización de América, “ en especial a coca, a quina e o veleno das frechas chamado curar. Tamén se tratan outras drogas que non tiveron tanta relevancia como os Bálsamos (Bálsamo de Perú, Bálsamo de Tolú), Ipeca, Resina de Guayaco e Zarzaparrilla”.

O descubrimento e colonización de América polos españois supuxo unha nova fonte de medicamentos, xa que os novos territorios proporcionaron plantas medicinais e drogas inexistentes e/ou descoñecidas en Europa. “Esas drogas crúas descubertas en América son a orixe dunha gran parte do noso arsenal terapéutico actual”, explica o profesor Raviña.

Tras unha introdución histórica, o libro céntrase nas tres drogas crúas que foron máis importantes: o curar, a cortiza de quina e a folla de coca. “Estudamos estas drogas no seu contexto xeográfico e histórico e a súa utilización na Medicina dos territorios do Novo Mundo. Tamén o illamento dos principios activos, a súa estrutura química, as variacións estruturais e a súa evolución aos modernos medicamentos como anestésicos locais (derivados da cocaína das follas de coca), antimaláricos como a Quinina e análogos (baseados nas propiedades da cortiza de quina) e os axentes de bloqueo neuromuscular como os curares naturais e sintéticos utilizados na anestesia cirúrxica”. A este respecto subliña o desenvolvemento do curar, o veleno das frechas utilizado polos nativos do Amazonia como exemplo da “transformación dun material velenoso nun axente medicinal”. O libro recolle, así mesmo, outras drogas tales como o cacao, a vainilla ou a pementa, así como os seus principios activos.

Pola súa banda, o doutor José Antonio Sancristán, director da Fundación Lilly, destacou a calidade dos contidos do libro, produto dun traballo rigoroso de investigación do profesor Raviña, e a orixinalidade no enfoque da materia estudada. “Trátase dunha obra que non só satisfará a curiosidade de estudantes e profesionais do ámbito da saúde, senón de calquera interesado noutras disciplinas como a historia ou a botánica”, engade.

O profesor Enrique Raviña é catedrático de Química Farmacéutica ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia de Farmacia, da Academia de Farmacia de Galicia e membro fundador da Sociedade Española de Química Terapéutica, ademais de autor ou coautor de 120 traballos de investigación relacionados coa química de medicamentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2017.