Obradoiros de elaboración de queixo en ecolóxico na USC

Coñecer os produtos lácteos que consumimos en Galicia e aprender a facer queixo dun xeito artesanal son os obxectivos dos obradoiros que se desenvolverán nos Campus de Santiago e Lugo os días 25 e 30 de abril, respectivamente. Dando continuidade ao Plan Formativo do Proxecto de Hortos Urbanos da USC, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza estes dous obradoiros de elaboración de queixos en ecolóxico que terán lugar nas cociñas do Colexio Maior Fonseca, en Santiago, e da Residencia Universitaria Bal e Gay, en Lugo, en horario de tarde. A inscrición será de balde (cunha achega voluntaria de 2 euros para material), sendo só preciso enviar un correo a entransicion [at] usc.es (entransicion[at]usc[dot]es) indicando nome completo, colectivo ao que se pertence (estudante, PDI ou PAS), centro de estudos ou traballo, enderezo electrónico e teléfono móbil de contacto. As prazas serán limitadas e cubriranse por orde de inscrición, dando prioridade aos membros da comunidade universitaria (data límite de inscrición en Santiago: 24 de abril ás 12.00h, en Lugo: 29 de abril ás 12.00h).