Óscar Rivero Salgado obtén o premio Vicent Caselles de Investigación Matemática
Óscar Rivero Salgado acaba de gañar un dos Premios Vicent Caselles de Investigación Matemática que convoca anualmente a Real Sociedade Española de Matemáticas (RSME), en colaboración coa Fundación BBVA, a nivel estatal para menores de 30 anos. Con eles recoñécese a creatividade, orixinalidade e logro no ámbito das matemáticas nos primeiros anos da profesión científica, e favorecen a súa continuidade, co fin de servir de estímulo a quen desenvolve o seu labor profesional na investigación.
Óscar Rivero, natural de Xinzo de Limia, foi catro anos consecutivos membro do equipo galego na olimpíada matemática española e tres veces membro do equipo español nas olimpíadas matemáticas internacionais. Graduouse en Matemáticas e en Enxeñaría Física pola Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), onde tamén se doutorou. Foi investigador posdoutoral na Universidade de Warwick (Reino Unido) e no Simons Laufer Mathematical Sciences Institute de Berkeley (California, Estados Unidos). A súa investigación desenvólvese na teoría de números e, concretamente, na aplicación dos sistemas de Euler á teoría de Iwasawa e aos grupos de Selmer. Recentemente gañou unha praza de profesor axudante doutor no Departamento de Matemáticas da USC á que se incorporará no curso 2023-24.