Ir o contido principal

Os retos do novo Espazo Europeo de Educación Superior analízanse este venres nas XVII Xornadas da Asociación de Economía da Educación

O encontro celébrase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Os máis importantes expertos de España en asuntos educativos danse cita este xoves e o venres 11 na Facultade de Económicas de Santiago para reflexionar e tentar chegar a acordos sobre a orientación de políticas educativas e de emprego. As XVII Xornadas da Asociación de Economía da Educación (AEDE) é tamén un punto de partida importante para a reflexión dos estudos de economía e empresa así como do novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Neste senso, o venres 11 ás 12:00 horas está prevista unha mesa redonda sobre os novos retos do EEES que moderará o profesor Luis Caramés, presidente da Organización de Economistas de Educación do Consejo General do Colexio de Economistas de España. Participarán neste debate o catedrático de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña e ex director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eugenio Muñoz, e a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Maite Cancelo.
As xornadas inauguráronse este xoves nun acto ao que asistiron o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o director da ACSUG, Julio Abalde; o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín; o presidente da AEDE, José Sánchez Campillo; e a decana da Facultade.
As xornadas de Economía da Educación, que se celebran dende 1992 en distintos puntos do territorio español e que nesta ocasión se enmarcan no 40 Aniversario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, contemplan varias conferencias e numerosas sesións paralelas entre as que destaca unha dedicada á inmigración e á relación co mercado de traballo en base á súa formación educativa.
A AEDEA AEDE agrupa a profesionais que traballan en economía da educación xunto con outros expertos que o fan en campos próximos como socioloxía da educación ou política educativa. As actividades da asociación céntranse no entorno académico e de profesionais do ámbito da xestión e a administración educativa. Na actualidade, a AEDE ten máis dun centenar de socios, sendo unha das asociacións máis activas no campo educativo dende a perspectiva económica.
Ademais do seu encontro anual, a AEDE posúe unha lista de correo electrónico (ECONEDUC) de grande utilidade para o intercambio de información, incluíndo unha gran proporción de profesionais latinoamericanos. A descrición da lista pódese atopar en http://www.rediris.es/list/info/econeduc.html

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2008.