Os retos da nutrición, a debate nun foro multidisciplinar que cita máis dun centenar de participantes na Facultade de Ciencias
O II Congreso Multidisciplinar de Nutrición, un foro promovido polo alumnado do grao de Nutrición Huamana e Dietética, a través da Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu) en colaboración co Colexio de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (Codinugal), congrega este venres na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC a máis dun centenar de asistentes, na súa maioría estudantado universitario e de dous institutos de ensino secundario de Galicia nos que se imparten ciclos de Nutrición, interesados en ampliar a súa formación neste ámbito para así contribuír a mellorar a relación entre alimentación e saúde, ademais de para poder abordar os retos futuros da nutrición.
A alimentación é unha cuestión que nos preocupa a todos, sinalou a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, na apertura deste congreso, un acto no que logo de destacar o enfoque multidisciplinar arredor da nutrición que ofrece o programa deste congreso, apuntou as dietas gastronómicas hospitalarias, o desperdicio da metade dos alimentos que se producen ou a chamada “alimentación 5S’, un concepto segundo o que a alimentación debe ser saudable, segura, satisfactoria, sositble e social’, como temas reflexión no marco deste foro.
Valcárcel sinalou asemade que a alimentación segura e a produción primaria sostible e resilente constitúen un dos piares sobre os que as asenta o proxecto Campus Terra, un proxecto cara a especialización da sede universitaria luguesa impulsado desde a USC e a Xunta e no que a Facultade de Ciencias está chamada a ser protagonista, dixo.
A elevada participación de público no II Congreso Multidisciplinar de Nutrición organizado por Adinu Galicia, constata unha vez máis a acertada aposta feita pola USC para implantar en Lugo o grao en Nutrición Humana e Dietética, un título universitario singular no Sistema Universitario Galego e no noroeste de España, dixo o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, quen tamén avanzou o traballo que está a desenvolver o equipo de dirección do centro para articular un curso de especialización a través do que o alumnado poida ampliar os coñecementos e a formación xa contemplada no título de grao.
A presidenta de Adinu Galicia, Sheila Castiñeira; o coordinador do grao en Nutrición Humana e Dietética, Jesús Casabiell, e o profesor e coordinador na Facultade de Ciencias da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Carlos Herrero, tamén participaron na sesión de apertura deste congreso, cuxo programa botou a andar co relatorio ‘Vexetariana, e agora que?’, a cargo da dietista-nutricionista Laura Regueiro.
Un enfoque multidisciplinar sobre o ril e a nutrición, a cargo do neurólogo Secundino Cigarráns, e unha sesión sobre a intervención nutricional familiar, a cargo da dietista nutricionista Emma Enríquez, pecharán a programación matinal. Unha charla sobre suplementación deportiva, a cargo de Alejandra Piñeiro, abrirá a sesión de tarde deste congreso multidisciplinar en nutrición, un foro no que as psicólogas de Adamia Rosalía Campos e Lucía Trigo falarán sobre obesidade e adherencia á dieta.
A presentación dos mellores Traballos Fin de Grao, cuxa autoría corresponde a Sara López e Uxía Lavandeira, seguida dunha exposición a cargo da Secretaría do Colexio de Dietistas e Nutricionistas de Galicia e un coloquio sobre o futuro do dietista-nutricionista en Galicia, servirán de colofón deste congreso.
De esquerda a dereita, Jesús Casabiell, Francisco Fraga, Montserrat Valcárcel, Sheila Castiñeira e Carlos Herrero, na apertura do congreso