Ir o contido principal

A Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento profunda no potencial transformador das universidades públicas

Cartel da Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento
Cartel da Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento
A USC acolle a segunda xornada deste encontro promovido polas tres universidades galegas a través da RGCUD que busca reforzar o seu papel como axentes de cooperación e crear sinerxías conxuntas cara ao desenvolvemento de accións no marco da Axenda 2030
Santiago de Compostela

A segunda xornada da Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento bota a andar en Compostela este mércores 10 de maio no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. O encontro, promovido pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) que conforman UVigo, USC e UDC, reúne os principais actores da cooperación na contorna universitaria co obxecto de reforzar o papel das institucións públicas como axentes de cooperación e crear sinerxías conxuntas que xeren efecto multiplicador das accións desenvolvidas no marco da Axenda 2030.  “Tratarase de consolidar a cultura de cooperación e coordinación na a través de espazos e dinámicas estables de diálogo, planificación e coordinación e a posta en valor das capacidades e talentos específicos de cada Universidade”, apuntan dende a organización.

O programa desta segunda xornada arranca ás 9.00 horas coa conferencia de María Luz Ortega Carpio, economista especializada en Desenvolvemento, EpD e Axenda 2030 e profesora da Universidade Loyola de Andalucía, arredor da 'ODS, docencia e educación para a cidadanía global'. A seguir, terá lugar a mesa redonda 'A institucionalización da educación para a cidadanía global'. Máis tarde, a profesora da USC Silvana Longueira presentará os resultados do proxecto 'Alumnado universitario comprometido coa Axenda 2030 e o seu potencial de transformación do sistema', o que dará paso a un panel de experiencias,  que pechará a xornada de mañá. A sesión da tarde arrancará ás 16.00 horas coa actividade dos grupos de traballo en 'A educación para a cidadanía global nas unidades técnicas de cooperación das universidades. Creando rede', dirixido a persoal técnico; ' A Axenda 2030 na aula. Retos e oportunidades', dirixido a docentes e 'ODS e formación', dirixido ao alumnado. 

Esta xornada dá continuidade á celebrada na Universidade de Vigo o martes 9 e irá seguida por unha última sesión na Universidade da Coruña o xoves 11. Dirixida ao persoal docente e investigador, ao estudantado, persoal universitario de servizos e administración así como a traballadores e traballadoras das entidades sociais e ao público en xeral con interese na cooperación universitaria ao desenvolvemento (CUD), a asistencia é libre previa inscrición. O programa completo da Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento está dispoñible na web da actividade
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2023.