Ir o contido principal

A USC achégase a estudantes de ESO e bacharelato cun campus estival que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño en Lugo

Estudantes que participaron na primeira edición do campus de verán científico técnico desenvolvido en Lugo
Estudantes que participaron na primeira edición do campus de verán científico técnico desenvolvido en Lugo
O programa pioneiro en Galicia, conta con 90 prazas e oferta servizo de de aloxamento e atractivas actividades lúdicas e formativas. O prazo de inscrición remata o 11 de maio

A USC achega a vida universitaria a estudantes de ESO e BAC a través dun campus estival que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño na sede universitaria luguesa, onde os/as rapaces/as matriculados/as poderán participar en diversos obradoiros educativos e divulgativos relacionados en maior ou menor medida coas titulacións impartidas ou coas liñas de investigación que se desenvolven ou nas que están a traballar no campus de Lugo.

O campus de verán científico técnico Lugo, un programa pioneiro en Galicia organizado e promovido polo profesorado desta sede universitaria da USC, antóllase como unha gran oportunidade para que estudantes de ensino secundario e bacharelato sexan protagonistas reais dunha experiencia universitaria única e coñezan, a través dun ameno programa de aprendizaxe e convivencia, as múltiples oportunidades que ofrece o ensino e a convivencia universitaria. O campus de verán científico técnico, que nesta segunda edición ofrece un total de 90 prazas, mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o vindeiro domingo, día 11 de maio. Ata o momento, os promotores deste programa de promoción universitaria no que participan preto duns 80 docentes, contabilizaron xa preto dun centro de solicitudes de candidatos procedentes de diversas localidades galegas e de fóra de Galicia. Unha das novidades desta edición do campus de verán científico técnico Lugo, vén dada pola oferta de servizo de aloxamento en Lugo, unha alternativa aberta a todos/as os/as interesados/as, pero pensada para atraer a participantes procedentes de distintas localidades e fomentar así a convivencia e o intercambio de experiencias e inquedanzas entre mozos e mozas, que poderán compartir as súas vivencias no Albergue Lug2, baixo a supervisión de monitores titulados/as da A.D.C. Lumieira Lugo. Os obxectivos deste programa son os mesmos que propiciaron a súa posta en marcha e pasan por divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo. Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos e técnicos que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato, ademais de achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios/as poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son outros dos cometidos deste programa, en cuxo financiamento colaboran o Concello e a Deputación de Lugo, así como da Fundación Barrié, a través de educaBarrié. Programa, escenarios e actividades As distintas actividades incluídas no II Campus de Verán Científico Técnico Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas e técnicas do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 20 propostas. Ofrécense ademais un “Quest” en inglés, un espectáculo científico, un encontro con ex alumnos/as, unha festa de despedida e algunha sorpresa máis. Inscrición e matrícula O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de maio a través da páxina web www.usc.es/gl/cursos/campcientec , un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os candidatos/as admitidos/as serán informados por e-mail coas indicacións para realizar a matrícula entre o 15-21 de maio. A matrícula no campus (sen aloxamento) ten un prezo de 40 E e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus, e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. O Campus (con aloxamento) custa 120 E e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo no albergue Lug2, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo. Proxectos científicos e técnicos a desenvolver O estudantado que tome parte no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos e técnicos que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas desde a Facultade de Veterinaria levan por título Prácticas de veterinaria clínica; Animal CSI, realidade ou ficción?; As análises clínicas como forma de saber o estado de saúde dos animais; Separación de proteínas mediante electroforese; Animais diminutos nas praias galegas: a vida entre os grans de area; Inseminación artificial en veterinaria e Unha cebra na auga. A multiplicación de árbores por cultivo in vitro, A importancia de saber por onde pisas, onde constrúes, A modelaxe 3D e medicións mediante fotogrametría, A auga que levan os ríos sempre está cambiando, como medila?, A enerxía do futuro: simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas e Medición e valoración de arboredo constitúen as propostas científicas que ofrece a Escola Politécnica. Un abano de proxectos non menos atractivo é o deseñado polo profesorado da Facultade de Ciencias, que desenvolverá seis experiencias científicas e técnicas que levan por título Química computacional, a química no teu ordenador; A cor: pigmentos naturais; Sulfato de cobre: preparación dun funxicida ecolóxico e protección de ferro por cementación; Produción de electricidade cunha froita; Do laboratorio á cociña e Luz, cor e fluorescencia. Outra das novidades que presenta o programa este ano atinxe á oferta de proxectos nos que a ciencia convive coas humanidades e a creación artística. Así, desde a Facultade de Humanidades propóñense os proxectos Os científicos das letras: ‘Elemental, querido Watson’ o programa en inglés ‘English, Science and Fun’ ou un obradoiro de introdución á fotografía científica que se desenvolverá na Facultade de Veterinaria baixo o título ‘Fai as túas fotos e mellóraas!’. Actividades desenvolvidas na primeira edición do campus de verán científico técnico

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2014.