Ir o contido principal

A USC suma 9 medallas no XIX Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, no que participaron uns 250 estudantes

Unha xogadora do equipo feminino de baloncesto da USC amosa o trofeo de campiona, trala entrega de premios
Unha xogadora do equipo feminino de baloncesto da USC amosa o trofeo de campiona, trala entrega de premios
A vicerreitora Carme Silva Domínguez preside a entrega de premios das distintas modalidades de competición nun acto celebrado na Facultade de Veterinaria de Lugo

Uns 250 estudantes das tres universidades galegas participaron este martes e mércores na décimo novena edición do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, un torneo organizado pola USC e cuxas probas das distintas modalidades de competición se desenvolveron nos campus de Compostela e Lugo. Os distintos equipos que representaron á institución académica compostelá neste campionato galego universitario saldaron a súa participación no torneo con catro medallas, logo de proclamarse campións de baloncesto nas modalidades masculina e feminina, así como na competición de fútbol sala e de voleibol masculino. A USC acadou a segunda praza no torneo feminino de voleibol e rematou en terceira posición na competición feminina de fútbol sala. Asemade, nas probas deportivas celebradas en Compostela, os equipos masculino e feminino de balonmán da USC remataron na segunda posición, a mesma praza na que rematou o equipo masculino de rugby. Os enfrontamentos dos distintos equipos inscritos para tomar parte nos campionatos de balonmán, rugby 7, fútbol 7 feminino e fútbol 11 tiveron lugar nas instalacións deportivas existentes en Compostela, mentres que as competicións masculina e feminina de baloncesto, voleibol e fútbol sala desenvolvéronse este mércores en distintas instalacións deportivas da capital luguesa. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presidiu a entrega de trofeos os gañadores/as das distintas modalidades deportivas desenvolvidas en Lugo, no marco dun acto celebrado na Facultade de Veterinaria e no que tamén estiveron presentes os responsables dos Servizos de Deportes das tres universidades galegas. Carme Silva, no centro, con responsables dos servizos de deportes das tres universidades galegas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2016.