Xornada sobre inserción laboral na Axencia Tributaria na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo

A Área de Orientación e Inserción Laboral da USC organiza o mércores 13 de marzo, ás 12.00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo unha xornada de orientación e inserción laboral na Axencia Tributaria.
Este foro de emprego, promovido a iniciativa da delegación luguesa da Axencia Tributaria, antóllase como unha oportunidade para que estudantes e titulados do campus de Lugo, así como o resto de membros da comunidade universitaria acaden máis información respecto das posibilidades de emprego e das vías de inserción laboral que ofrece a AEAT.
A xornada, de acceso libre e de balde ata completar o aforo, comezará cunha intervención de Carlos Eduardo Villa Pillado, enxeñeiro agrónomo do Estado e xefe de área de Inspección de Rústica, que afondará nos nichos de emprego que advirte no seu ámbito de traballo. Do mesmo xeito, Fernando Soler Pareja, interventor territorial de Lugo, e a delegada da AEAT en Lugo, María Elena Rosendo Vázquez, tamén achegarán máis información respecto das oportunidades laborais e das saídas profesionais que permite a Axencia Estatal de Administración Tributaria.