O LaboraTE abre ao público o deseño de métodos para delimitar infraestrutura verde en Lugo

O Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC convida á cidadanía a implicarse no deseño de métodos para delimitar infraestrutura verde en Lugo e na súa contorna, a través dun foro participativo sobre a infraestrutura verde e a adaptación da ordenación do territorio ao cambio climático que se desenvolve na web.
A primeira das sesións participativas artelladas ao abeiro do programa Inverclima, un proxecto de I+D impulsado pola USC co apoio Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, tivo lugar este martes, segundo explicou o investigador na EPSE Andrés García, quen logo de avanzar que están programados dous novos foros de debate os días 27 e 28, salientou que o obxectivo destas sesións pasa por recoller información para mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde e contribuír así á mitigación e á adaptación ao cambio climático.
A infraestrutura verde é un concepto de nova incorporación ao planeamento, polo que existen poucas metodoloxías para delimitala e incorporala ao mesmo, comenta o investigador do LaboraTE da USC que coordina o proxecto Inverclima. Logo de salientar o carácter participativo desta iniciativa, que tamén contempla o Reto Demográfico entre os seus obxectivos, Andrés García explicou que nestas xornadas de participación cidadá convidamos ao público a achegar a través dun Sistema de Información Xeográfica información sobre as áreas da comarca de Lugo con maior aptitude para producir servizos ecosistémicos que contribúan a mitigar os efectos do cambio climático. Recoller datos sobre os enclaves con maior potencial para incorporalos á infraestrutura verde e mesmo respecto das localizacións con maior risco de sufrir impactos derivados do cambio climático, son outras das premisas destas accións.
Os resultados destas xornadas empregaranse para deseñar e validar as ferramentas ideadas e achegadas desde Inverclima para delimitar a infraestrutura verde de Lugo. Esta nova rede de espazos naturais e seminaturais actuará como complemento da Rede Natura 2000 e contribuirá á conservación da súa biodiversidade, ademais de garantir a provisión de servizos ecosistémicos acaídos para preservar esta biodiversidade e o benestar humano.
Os actores implicados no proxecto Inverclima sosteñen asemade que a conservación desta rede de ecosistemas sans antóllase imprescindible na loita contra o cambio climático, dado que favorece o secuestro e o almacenamento de dióxido de carbono, a regulación da temperatura, o subministro de enerxías renovables ou a canalización dos movementos das especies animais. Outras das vantaxes que reporta a infraestrutura verde afectan ao control de danos por riscos extremos e, entre outras, á redución do grao de vulnerabilidade fronte a incendios forestais, pragas, erosión ou enfermidades.