Ir o contido principal

O LaboraTE abre ao público o deseño de métodos para delimitar infraestrutura verde en Lugo

Participantes no primeiro faldoiro sobe infraestrutura verde de Lugo organizado ao abeiro do proxecto Inverclima
Participantes no primeiro faldoiro sobe infraestrutura verde de Lugo organizado ao abeiro do proxecto Inverclima
As sesións participativas telemáticas programadas ata no proxecto Inverclima permitirán aos investigadores da EPS de Enxeñaría coñecer enclaves con potencial para prestar servizos ecosistémicos e tamén sobre as áreas en risco polo cambio climático
Lugo

O Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC convida á cidadanía a implicarse no deseño de métodos para delimitar infraestrutura verde en Lugo e na súa contorna, a través dun foro participativo sobre a infraestrutura verde e a adaptación da ordenación do territorio ao cambio climático que se desenvolve na web.

A primeira das sesións participativas artelladas ao abeiro do programa Inverclima, un proxecto de I+D impulsado pola USC co apoio Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, tivo lugar este martes, segundo explicou o investigador na EPSE Andrés García, quen logo de avanzar que están programados dous novos foros de debate os días 27 e 28, salientou que o obxectivo destas sesións pasa por recoller información para mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde e  contribuír así á mitigación e á adaptación ao cambio climático.

A infraestrutura verde é un concepto de nova incorporación ao planeamento, polo que existen poucas metodoloxías para delimitala e incorporala ao mesmo, comenta o investigador do LaboraTE da USC que coordina o proxecto Inverclima. Logo de salientar o carácter participativo desta iniciativa, que tamén contempla o Reto Demográfico entre os seus obxectivos, Andrés García explicou que nestas xornadas de participación cidadá convidamos ao público a achegar a través dun Sistema de Información Xeográfica información sobre as áreas da comarca de Lugo con maior aptitude para producir servizos ecosistémicos que contribúan a mitigar os efectos do cambio climático. Recoller datos sobre os enclaves con maior potencial para incorporalos á infraestrutura verde e mesmo respecto das localizacións con maior risco de sufrir impactos derivados do cambio climático, son outras das premisas destas accións.

Os resultados destas xornadas empregaranse para deseñar e validar as ferramentas ideadas e achegadas desde Inverclima para delimitar a infraestrutura verde de Lugo. Esta nova rede de espazos naturais e seminaturais actuará como complemento da Rede Natura 2000 e contribuirá á conservación da súa biodiversidade, ademais de garantir a provisión de servizos ecosistémicos acaídos para preservar esta biodiversidade e o benestar humano.

Os actores implicados no proxecto Inverclima sosteñen asemade que a conservación desta rede de ecosistemas sans antóllase imprescindible na loita contra o cambio climático, dado que favorece o secuestro e o almacenamento de dióxido de carbono, a regulación da temperatura, o subministro de enerxías renovables ou a canalización dos movementos das especies animais. Outras das vantaxes que reporta a infraestrutura verde afectan ao control de danos por riscos extremos e, entre outras, á redución do grao de vulnerabilidade fronte a incendios forestais, pragas, erosión ou enfermidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2021.