Skip to main content

Estratexia institucional

A memoria de creación do IPsiUS define catro eixes que vertebran a súa estratexia institucional.

A estratexia do IPsiUS para o período 2024-2027 estrutúrase en catro eixes: Desenvolvemento institucional, Investigación, Talento e Transferencia. Para cada un deles indícanse os obxectivos a acadar nesta etapa. As accións nas que se despregan estes obxectivos están concretadas na Memoria de Creación do Instituto.

Na etapa de lanzamento dun novo centro de investigación é prioritario asentar a creación e funcionamento das estruturas de goberno e xestión responsables de tomar as decisións estratéxicas e operativas para avanzar no cumprimento da súa misión e visión.

No período 2024 – 2027, establécese como obxectivo poñer en marcha un sistema de goberno, xestión e organización áxil e eficiente que permita o logro dos obxectivos científicos e de dinamización previstos para o período. Un sistema flexible e escalable, adecuado ás capacidades económicas e organizativas do instituto, que poida ir adaptándose á súa evolución, especialmente no que se refire ao desenvolvemento do seu proxecto científico. A instauración deste sistema suporá a toma de decisións e o desenvolvemento de procedementos e prácticas relativas a, entre outros, os seguintes aspectos: a implantación do modelo de organización científica acorde á axenda de investigación, a asignación de recursos para soporte á xestión ou a creación de novos mecanismos de asesoramento externo e vinculación coa sociedade. Inclúense ademais neste eixe os aspectos relacionados co posicionamento de marca do IPsiUS a nivel interno, ante outras institucións científicas no campo da Psicoloxía e os seus grupos de interese.

Por outra banda, será esencial neste período construír a identidade organizativa, non só visualmente, senón, tamén, asentando os valores e a cultura de traballo que definan a esencia do instituto. Por iso, no primeiro ciclo estratéxico é necesario facer énfase na creación de comunidade, na cohesión dun equipo capaz de levar adiante un proxecto científico común.

Neste sentido, proponse un plan de acción institucional cuxos obxectivos operativos son os seguintes:

  • O1. Implementar a estrutura de goberno e organización
  • O2. Adoptar un modelo de xestión viable que procure a sostibilidade
  • O3. Dotar ao instituto de sede física e de equipamentos
  • O4. Crear comunidade, establecer unha cultura colaborativa
  • O5. Posicionar ao instituto en redes de colaboración científica

Unha prioridade para o desenvolvemento do Instituto será despregar unha axenda aliñada cos principais retos sociais e de política científica nacional e internacional. Preténdese desempeñar unha investigación de excelencia, que, conxuntando perspectivas básicas e aplicadas, e beneficiándose das sinerxías e logros previos dos grupos que compoñen o instituto, poida incrementar a súa potencialidade e o seu impacto científico e social.

O fortalecemento da colaboración interna, o impulso á actividade internacional a partir da experiencia actual e a adopción de políticas de fomento da ciencia aberta son procesos que o IPsiUS abordará xa no seu primeiro ciclo estratéxico.

Así, estes son os obxectivos que se definen para este período.

  • O6. Mellorar a calidade e o impacto dos resultados da investigación
  • O7. Impulsar a internacionalización da actividade científica
  • O8. Crear sinerxías entre as liñas de investigación do IPsiUS
  • O9. Definir políticas para a adopción de boas prácticas no deseño e difusión da investigación baixo os principios da ciencia en aberto

O talento científico constitúe o principal activo nunha organización de investigación. A aspiración do IPsiUS é crear un contorno atractivo para o desenvolvemento dunha carreira investigadora, que posicione ao instituto coma unha referencia na promoción do talento científico. Esta meta engloba a promoción da equidade de xénero: visibilidade, conciliación, inclusión da perspectiva de xénero na actividade investigadora, etc.

A actuación do IPsiUS está condicionada pola súa pertenza á USC e ás súas políticas de xestión de talento. A acreditación HRS4R que ostenta a universidade é garante de que os procesos de selección, contratación e desenvolvemento profesional son acordes aos estándares internacionais, o que representa unha oportunidade de cara a atracción de persoal investigador altamente cualificado.

A análise sobre a situación actual do equipo científico que conforma o IPsiUS require atender ao relevo xeracional incrementando o número de investigadores e investigadoras posdoutorais, e favorecendo a incorporación de perfís disciplinarios complementarios (metodoloxía, tratamento de datos, etc.).

Estas liñas guían os obxectivos que se definen neste eixo:

  • O10. Incrementar a captación e retención de persoal investigador nos distintos niveis da carreira científica
  • O11. Apoiar ao persoal do instituto no desenvolvemento da súa carreira profesionaI

As liñas de traballo a desenvolver no instituto presentan un amplo potencial de transferencia e innovación, en termos de xeración de servizos, produtos e ferramentas de avaliación e intervención susceptibles de ser utilizados por profesionais de distintos ámbitos, e de mellorar as actuacións das administracións en desafíos sociais de primeira orde (p. ex., envellecemento, saúde mental, adiccións, violencia, inclusión social). Os grupos que compoñen o instituto teñen xa experiencia nesa translación da investigación á sociedade, a través de convenios e contratos, acordos de licenza de comercialización de produtos, servizos asistenciais, formación e asesoramento de profesionais. Esta experiencia é un punto de partida que pretende reforzarse co traballo conxunto do centro, facendo da transferencia un pilar esencial para que a ciencia xerada no instituto, ademais dunha alta calidade, desenvolva toda a súa capacidade para dar resposta ás necesidades da nosa contorna.

  • O12. Fortalecer as capacidades do instituto para a realización de actividades de transferencia
  • O13. Potenciar as actividades de colaboración en materia de mellora asistencial e de asesoramento
  • O14. Potenciar o desenvolvemento de ferramentas e plataformas dixitais para a práctica investigadora e profesional
The contents of this page were updated on 08.29.2024.