Skip to main content

O foro ‘A xestión cultural como espazo profesional’ defende a necesidade de adaptar as Humanidades á contemporaneidade

Participantes na última xornada do foro ‘A xestión cultural como espazo profesional’, na Facultade de Humanidades da USC
Participantes na última xornada do foro ‘A xestión cultural como espazo profesional’, na Facultade de Humanidades da USC
O Campus Terra da USC recolleu ao longo de tres días as opinións e suxestións de profesionais do sector sobre o título de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC clausurou este venres o foro de debate ‘A xestión cultural como espazo profesional’, no que, ao longo de tres días, déronse cita distintas institucións e empresas especializadas no eido da cultura co gallo de aportar suxestións verbo do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural que se imparte na USC.

A necesidade de introducir elementos de análise económica e social, sen perder de vista o fundamento humanístico pero máis adaptado á contemporaneidade constituíu a principal conclusión á que chegaron os participantes no debate, os cales destacaron a complexidade do sector cultural, integrado por actores públicos e privados, e que se define pola súa atomización e hibridación.

Na derradeira xornada interviñeron representantes da Área de Cultura da USC, a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, Museo Castro de Viladonga da Xunta de Galicia, o Festival Pardiñas, Consello da Cultura Galega, a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Asociación ADEGA.

As tres xornadas estiveron dinamizadas pola responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, Gloria Cruz, e pola xestora de especialización da oferta docente do Campus Terra da USC, Margarita Vilela, e cada unha delas estruturouse en dous bloques. Na primeira parte, buscouse coñecer a opinión das empresas/entidades respecto aos perfís profesionais necesarios actualmente no sector cultural. De modo máis específico, procurouse coñecer a percepción sobre o actual Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da USC e a súa adecuación ás demandas do mercado, así como a percepción sobre a oferta docente existente no eido das humanidades.

No segundo bloque, abordouse como ven os/as profesionais da cultura o futuro do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e cales serían os cambios necesarios para adaptarse ás futuras demandas profesionais en canto a coñecementos e competencias transversais. Ademais, analizouse como ven o futuro en canto a nichos de emprego no eido da cultura.

The contents of this page were updated on 09.29.2017.