O foro ‘A xestión cultural como espazo profesional’ defende a necesidade de adaptar as Humanidades á contemporaneidade

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC clausurou este venres o foro de debate ‘A xestión cultural como espazo profesional’, no que, ao longo de tres días, déronse cita distintas institucións e empresas especializadas no eido da cultura co gallo de aportar suxestións verbo do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural que se imparte na USC.
A necesidade de introducir elementos de análise económica e social, sen perder de vista o fundamento humanístico pero máis adaptado á contemporaneidade constituíu a principal conclusión á que chegaron os participantes no debate, os cales destacaron a complexidade do sector cultural, integrado por actores públicos e privados, e que se define pola súa atomización e hibridación.
Na derradeira xornada interviñeron representantes da Área de Cultura da USC, a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, Museo Castro de Viladonga da Xunta de Galicia, o Festival Pardiñas, Consello da Cultura Galega, a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Asociación ADEGA.
As tres xornadas estiveron dinamizadas pola responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, Gloria Cruz, e pola xestora de especialización da oferta docente do Campus Terra da USC, Margarita Vilela, e cada unha delas estruturouse en dous bloques. Na primeira parte, buscouse coñecer a opinión das empresas/entidades respecto aos perfís profesionais necesarios actualmente no sector cultural. De modo máis específico, procurouse coñecer a percepción sobre o actual Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da USC e a súa adecuación ás demandas do mercado, así como a percepción sobre a oferta docente existente no eido das humanidades.
No segundo bloque, abordouse como ven os/as profesionais da cultura o futuro do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e cales serían os cambios necesarios para adaptarse ás futuras demandas profesionais en canto a coñecementos e competencias transversais. Ademais, analizouse como ven o futuro en canto a nichos de emprego no eido da cultura.