Fernando Muñoz Guzón, elixido novo decano de Veterinaria
O profesor da área de Medicina e Cirurxía Animal da USC Fernando Muñoz Guzón foi elixido este xoves 20 como novo decano da Facultade de Veterinaria con 52 votos a favor, 13 en branco e 1 nulo. “Aspiramos a continuar o labor realizado polo actual equipo decanal cun equipo novo e con moitas ganas de traballar”, explicou. Para o novo decano un dos obxectivos principais do seu mandato será “conseguir ampliar a duración dos estudos de Veterinaria a seis anos para homologar o noso grao aos estándares europeos”.
Muñoz Guzón, que sucede no cargo ao profesor Gonzalo Fernández, doutorouse en 1999 na Universidade Complutense de Madrid coa tese Comparación clínica, radiológica e histológica del uso de implantes dentales con o sin carga en el perro. Estudio experimental. Ten sido profesor asociado de Ciencias da Saúde, investigador do Programa Isidro Parga Pondal da Xunta de Galicia, profesor contratado doutor e actualmente é profesor titular de Universidade. Pertence ao grupo de investigación ‘Cirurxía experimental. Cirurxía, radioloxía e ecografía experimental veterinaria’.