Ir o contido principal

Matrícula en másteres

Hai dúas modalidades de admisión e matrícula: matrícula en máster con criterios xerais de selección e matrícula en máster con criterios específicos de selección

É importante consultar o Calendario de matrícula en Másteres para coñecer as datas de solicitude de praza e de matrícula.

Solicitude

Se desexas cursar algún dos másteres oficiais onde se apliquen criterios xerais de selección, deberás cubrir a solicitude na Secretaría Virtual nos prazos indicados no Calendario de matrícula en Másteres, declarando os datos do expediente académico da titulación universitaria que che dá acceso.

Se procedes de sistemas educativos estranxeiros deberás achegar á solicitude, ademais, a declaración de equivalencia da nota media do teu expediente, que se obtén a través do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Adxudicación de prazas

Rematado o prazo de solicitude, se o número de solicitantes non excede do 10 % do número de prazas ofertadas, asignarase praza a cantas persoas reúnan os requisitos.

Nos másteres onde sexa necesario realizar o proceso para a adxudicación de prazas, teranse en conta as cotas de reserva de prazas, as prelacións segundo as titulacións de orixe e a valoración do expediente académico. As solicitudes ordenaranse, dentro de cada cota e de cada grupo de titulacións, coa mesma orde de prelación segundo a nota media do expediente académico. Nos másteres onde existan grupos de ingreso, se, unha vez adxudicadas as prazas dun determinado grupo, hai prazas vacantes, estas repartiranse no resto dos grupos.

Formalización da matrícula

Unha vez publicadas as listaxes de admisión e de agarda, deberás formalizar a matrícula dentro do prazo establecido. De non matricularte nese prazo, perderás o teu dereito sobre a praza adxudicada.

Así mesmo, aquelas persoas que estean na listaxe de agarda deberán expresar a súa vontade de seguir optando ás prazas vacantes confirmándoo en cada unha das convocatorias previstas na súa secretaría virtual, a través do mesmo formulario electrónico co que presentaron a solicitude. De non facelo, entenderase que desisten da súa solicitude, e esta xa non se terá en conta na seguinte convocatoria.

  • Nos másteres sen listaxe de agarda por ter menos solicitudes que prazas, ou con listaxe de agarda, se esta se esgotase, o alumnado sen solicitude previa poderá matricularse por orde de inscrición no prazo de vacantes.

  • Naqueles másteres con listaxe de agarda onde non se matriculase todo o alumnado admitido, as prazas vacantes asignaranse ao alumnado da listaxe de agarda ata completar o número total de prazas.

  • Se nalgún máster con listaxe de agarda que teña ocupadas todas as prazas ofertadas se produce algunha anulación de matrícula, estas prazas asignaranse por chamamento individual entre as persoas que estean na listaxe de agarda.

  • Se rematan as convocatorias e se esgotan as listaxes de agarda sen que se cubran todas as prazas, as vacantes adxudicaranse por orde de solicitude de matrícula presentada.

Nos másteres onde se establezan criterios específicos de selección (experiencia profesional, acreditar a competencia en determinada área ou calquera outro que non se axuste aos criterios xerais), a comisión académica do máster será quen, inicialmente, seleccione o alumnado.

Se procedes de sistemas educativos estranxeiros deberás achegar á solicitude, ademais, a declaración de equivalencia da nota media do teu expediente, que se obtén a través do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Solicitude

Para solicitar a admisión, deberás cubrir os datos na Secretaría Virtual dentro do prazo indicado do Calendario de matrícula en Másteres.

A documentación acreditativa dos méritos a valorar nos criterios específicos deberá achegarse electronicamente xunto coa solicitude.

Entenderase que o alumnado que non envíe ningunha documentación desexa ser valorado unicamente polo expediente académico do cal dispón a USC ou polo declarado na solicitude.

Adxudicación de prazas

Naqueles másteres con menos solicitudes que prazas, admitiranse todas as persoas que fixesen a solicitude e cumpran os requisitos de admisión sen ter en conta os criterios de selección.

A petición do/a coordinador/a do máster, cando haxa máis solicitantes que prazas poderase autorizar ata un 10 % máis de prazas.

Formalización de matrícula

Unha vez publicadas as listaxes de admitidos e de agarda, o alumnado admitido deberá formalizar a matrícula no prazo sinalado. De non matricularse nese prazo, perderá o seu dereito ás prazas adxudicadas.

  • Nos másteres que non teñan listaxe de agarda, por ter menos solicitudes que prazas, o alumnado sen solicitude previa poderá matricularse por orde de inscrición no prazo indicado.

  • Naqueles másteres con listaxe de agarda onde non se matriculase todo o alumnado admitido, as prazas vacantes asignaranse por chamamento individual entre as persoas que estean na listaxe de agarda, e seguirase a orde da listaxe ata completar o número total de prazas. Seguirase o mesmo procedemento cando se produza algunha anulación de matrícula.

  • Se, rematada a listaxe de agarda, quedasen vacantes, o alumnado sen solicitude previa poderá matricularse por orde de inscrición ata que se cubran as prazas ou ata a fin do prazo de vacantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2024.