Ir o contido principal

Centros de Investigación

Centros de Investigación situados no Campus Terra de Lugo

Granxa Campus Terra

A Granxa experimental de leite do Campus Terra é un proxecto de colaboración entre a USC e a Deputación de Lugo, que nace con vocación de laboratorio vivo, aberto e integrador no ámbito da produción de leite para dar resposta ás necesidades do sector produtivo e a súa adaptación ás novas demandas da sociedade a través da formación de profesionais, a xeración de coñecemento a través da investigación e a transferencia de resultados.

Granxa Campus Terra

 

Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET)

O Centro de Biomedicina e Veterinaria é un centro de apoio ao progreso das Ciencias Veterinarias e Biomédicas en xeral situado nos pavillóns anexos ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, na Facultade de Veterinaria do Campus Universitario de Lugo. Este centro parte co obxectivo de xerar novas liñas de investigación no campo dos pequenos, medianos e grandes animais e de impulsar a súa difusión dentro da comunidade científica. Para iso, pon ao dispor do usuario o asesoramento para a realización dos estudos, así como o espazo físico e unha gran infraestrutura tecnolóxica. A súa función é asesorar e colaborar no deseño e realización de proxectos de investigación, docencia especializada de posgrao e outras actividades mediante o uso de animais vivos das especies canina, felina, ovina, caprina, porcina e bovina. Isto permitirá a apertura de novas posibilidades de investigación para un crecente número de procedementos.

Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET)

 

Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER)

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural é un instituto universitario de investigación científico-técnica. Os seus investigadores centran a actividade no medio rural, desde unha perspectiva holística e sostible, a través de dúas grandes liñas: Ambiental (Biodiversidade, Planificación e Ordenación do Territorio, Desenvolvemento Rural, Economía Sostible, Sistemas de Información Xeográfica, Observación Remota) e Agrosistemas (Recursos Agrícolas, Gandeiros e Forestais, Chans, Auga, Residuos).

Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER)

 

Estación Científica do Courel

A Estación Científica do Courel está integrada no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). Localizada na localidade de Seoane do Courel (Folgoso do Courel), ocupa un edificio singular, dotado de instalacións e equipamento destinados a apoiar a investigación e a docencia en todas aquelas áreas relacionadas coa montaña galega. Os seus obxectivos fundamentais son potenciar a interdisciplinariedade e a cooperación entre grupos de investigación, contribuír ao desenvolvemento rural da comarca mediante o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada e a xeración dunha contorna cultural máis accesible.

Estación Científica do Courel

 

Hospital Veterinario Universitario Rof Codina

O Hospital Veterinario Universitario Rof Codina asume a función de mellorar a actividade docente e investigadora da Facultade de Veterinaria situada no campus lucense e tamén realiza un labor asistencial de alta calidade dirixida a veterinarios e propietarios de animais. Esta tarefa non só leva a cabo no hospital, senón que tamén se realiza de maneira ambulante en explotacións pecuarias ou refuxios. Esta infraestrutura incorpora as máis recentes técnicas de diagnóstico por imaxe, como son a tomografía axial computerizada (TAC), a gammagrafía e varios métodos de ecografía. Entre as modalidades terapéuticas avanzadas empregadas no noso centro, destacan a terapia con radioisótopos, a cirurxía láser e as técnicas cirúrxicas minimamente invasivas, como a artroscopia ou a laparoscopia.

Hospital Veterinario Universitario Rof Codina

 

Centro de Estudos de Historia da Cidade

O Centro de Estudos de Historia da Cidade xorde coa finalidade de ocuparse do estudo do fenómeno urbano histórico en todos os seus períodos, pero, en especial, no que respecta ás épocas máis primitivas, con preferencia pola época romana. Esta é a vertente única na que actualmente o director e o seu equipo traballan intensamente desde fai varios lustros xa que, non en balde, aséntase na cidade de Lugo, paradigma de evolución urbana completa entre todas as cidades de Galicia.

Centro de Estudos de Historia da Cidade
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2024.