 
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, participa o 4 de novembro, ás 12.30 horas, na presentación da publicación "Más vale fortuna en tierra que bonanza en la mar". Franquismo y vivienda social para pescadores en Galicia da que son autores os membros do grupo HISTAGRA da USC, Daniel Lanero Táboas e Xurxo Antelo Alvite. O acto desenvolverase na Sala de profesores da Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Este libro quere ser unha contribución ao coñecemento da vivenda social, na súa modalidade destinada ao colectivo profesional dos mariñeiros, durante o franquismo. Pero, nos seus obxectivos, a investigación pretendeu ir moito máis alá tomando a cuestión da vivenda como fío condutor. "Nun sentido máis amplo, o noso propósito foi recuperar e poñer en valor a memoria laboral, social e política dos mariñeiros, das súas familias e das súas comunidades a través da reconstrución das súas historias de vida. De aí a atención que prestamos a asuntos como as experiencias laborais dos homes e as mulleres do sector pesqueiro, as súas prácticas e lugares de sociabilidade ou a dimensión comunitaria da vida cotiá", explican os autores.
Ademais da vicerreitora, intervirán Xurxo Antelo Alvite e Daniel Lanero Táboas, autores e membros de HISTAGRA, e Antonio Míguez Macho, decano da Facultade de Xeografía e Historia.