Ir o contido principal

O CLM mantén aberta a matrícula nos cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués

O CLM convoca tamén probas para acreditar o coñecemento de idiomas. Foto: Santi Alvite
O CLM convoca tamén probas para acreditar o coñecemento de idiomas. Foto: Santi Alvite
Ofrece tamén cursos de lingua galega para non galego falantes e de español como lingua estranxeira así como probas para acreditar o coñecemento de idiomas
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela mantén aberto os prazos de matrícula para os seus cursos de idiomas, para os que nalgún caso hai que realizar un test de nivel previo. No campus de Santiago ofértase un curso anual de inglés e neste primeiro semestre de inglés intensivo, alemán, catalán, checo, francés, italiano e portugués, e no de Lugo haberá neste semestre de alemán, francés e inglés en distintas modalidades. Ademais, impartiranse cursos de lingua galega para non galego falantes e cursos de español como lingua estranxeira (ELE). Os cursos diríxense a persoal e estudantado da USC, pero están tamén abertos a calquera persoa maior de 18 anos interesada, aínda que non forme parte da comunidade universitaria.

Non terá que realizar un test de nivel previo o estudantado do nivel inicial do idioma ou quen poida acreditar un nivel inmediatamente anterior do MECRL aprobado no ano ou semestre anterior no propio CLM. O estudantado coa acreditación allea ao CLM, debe poñerse en contacto previo co Centro a través do enderezo clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal). Nos restantes casos, é preciso realizar un test de nivel previo á matrícula, que será presencial e/ou en liña. Para realizalo hai que inscribirse de balde no período sinalado para cada caso no anexo da convocatoria.

A USC convoca tamén para o 1º semestre do ano académico 2025-2026, cursos de lingua galega para non galego falantes nos campus Santiago e Lugo dirixidos á comunidade universitaria, especialmente ao estudantado e ao persoal docente e investigador que realiza estudos ou estadías na USC con vinculación aos distintos programas de cooperación e mobilidade internacional da Universidade; ao PDI e PTXAS que deba acreditar un nivel de lingua galega na USC; e tamén abertos á cidadanía segundo os requirimentos establecidos na convocatoria. En concreto, ofrécense cursos semestrais para non galegofalantes de 40 horas presenciais e 10 horas de traballo autónomo do estudantado. As clases son de 90 minutos, dúas veces por semana durante catro meses. Finalmente, no curso académico 2025-2026 impartiranse tamén cursos semestrais e cursos intensivos de español como lingua estranxeira (ELE) nos campus Santiago e Lugo, de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.

Probas de competencia


Ademais, a USC convoca, de novo a través do CLM, probas para a acreditación do coñecemento de idioma nos niveis B1, B2 e C1. O obxecto das probas é comprobar e, de ser o caso, acreditar as competencias lingüísticas das persoas candidatas nos niveis B1, B2 ou C1 segundo o MECRL, en alemán, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués. As probas de competencia lingüística (PCL) son exames sobre as catro destrezas lingüísticas (expresión oral, expresión escrita, comprensión auditiva e comprensión lectora), adaptados aos niveis do  MECRL, que organiza o CLM para facilitar a acreditación de niveis lingüísticos en relación coa mobilidade e con procesos selectivos da USC.

Por unha banda, as convocatorias do programa de mobilidade Erasmus+ e outras esixen que os/as estudantes acrediten o dominio da lingua do país de destino (ou da lingua de uso na universidade ou nos estudos que elixa) nun nivel B1 ou B2. Por outra, o estudantado dos países que non teñen como lingua oficial o castelán ou portugués e que desexen cursar na USC estudos de grao ou estudos de mestrado con este requisito de acceso, deberá acreditar o coñecemento da lingua española ou galega mediante o título de nivel B1 ou B2 do MECRL, segundo o caso. Ademais, distintos procesos selectivos na USC esixen que as persoas candidatas acrediten o dominio do idioma do país ou dunha lingua estranxeira.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2025.