Entregados os premios da sexta edición do Certame de Videocreación
O IES Leiras Pulpeiro de Lugo obtivo o premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria, ademais do premio do público, no marco da sexta edición do certame de Videocreación da USC. O galardón Araceli Herrero á mellor linguaxe visual e comunicación foi para a peza presentada por Laura Menéndez Sánchez. O acto de entrega desenvolveuse na Casa do Saber este venres, 29 de novembro, e estivo presidido polo adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez.
Telescopio de futuro
O ditame do xurado, composto por Carmen Granxeiro, especialista en audiovisuais, e Dores Rodríguez López e Bruno López Rodríguez, familiares do escritor Isidro Novo, destacou a videocreación titulada Telescopio de futuro do IES Leiras Pulpeiro por tratarse dunha “construción dunha narración descritiva connotativa que fai o retrato do alumnado dun instituto”. Premiado con 300 euros, diploma e unha obra de Mónica Alonso, esta videocreación defínese, a xuízo do xurado, pola “procura dunha linguaxe creativa que, alén da vontade narrativa, conxuga imaxes do cotián coa poética das olladas de quen o conforma”.
Habitar_Deshabitar ou a morte dun recordo
Tamén dotado con 300 euros, diploma e obra de Mónica Alonso, o xurado salientou que Habitar_Deshabitar ou a morte dun recordo de Laura Menéndez Sánchez é unha “narración hipnótica e circular na que son e imaxe converxen nunha reflexión fonda sen mediar palabra”. O ditame pon o foco na “edición precisa coa que tece o ritmo dos pensamentos e constrúe os espazos”, así como no “tratamento coherente e creativo da estética visual e sonora arredor do tempo e a memoria”.
O Certame de Videocreación desenvólvese ao abeiro do convenio Lugo Cultural, froito da colaboración entre USC, vicepresidencia da Deputación de Lugo e cultura e turismo do Concello de Lugo.