Skip to main content
  • Research

Saray Busto Ulloa, primeira matemática en Galicia en acadar unha ERC Starting Grant

Saray Busto Ulloa. FOTO: Santi Alvite
Saray Busto Ulloa. FOTO: Santi Alvite
A investigadora da USC Saray Busto Ulloa é a primeira en Galicia en obter unha ERC Starting Grant en matemáticas. O seu proxecto SUPREMUM desenvolverá métodos numéricos avanzados con aplicacións en ciencia e saúde, financiado con ata 1,5 millóns de euros durante cinco anos.

Santiago de Compostela

A investigadora Saray Busto Ulloa, Ramón y Cajal da Facultade de Matemáticas da USC, vén de obter unha ERC Starting Grant, o maior recoñecemento europeo para persoal investigador novo con traxectorias científicas moi prometedoras. Este programa do European Research Council financia con ata 1,5 millóns de euros durante cinco anos proxectos de investigación de vangarda, sendo a excelencia o único criterio de selección.

Trátase dun fito histórico, pois Saray é a primeira persoa en Galicia que acada unha Starting Grant no ámbito das matemáticas desde a creación destas axudas no ano 2007.

O proxecto que lidera, denominado SUPREMUM, busca desenvolver novos métodos numéricos que preserven a estrutura de modelos hiperbólicos da mecánica dos medios continuos. O seu obxectivo é deseñar esquemas eficientes e de alta orde, aplicables en ámbitos tan diversos como a xeofísica, a astrofísica ou a biomedicina, cun primeiro foco na simulación do sistema cardiovascular.

Natural de Lugo, Saray formouse integramente na nosa Facultade de Matemáticas da USC (grao, mestrado e doutoramento en Matemáticas), con estadías internacionais en Trento e Trieste. Posteriormente foi investigadora posdoutoral en Italia, docente na Universidade Politécnica de Madrid e na Universidade de Vigo, e desde 2024 é Investigadora Ramón y Cajal vinculada ao grupo de Enxeñaría Matemática e ao CITMAga.

Con esta distinción, a Facultade de Matemáticas celebra un logro que supón non só un éxito persoal extraordinario, senón tamén un motivo de orgullo para toda a comunidade universitaria e científica galega.
 

The contents of this page were updated on 09.10.2025.