As prácticas externas permiten a adquisición de competencias que preparan os alumnos e alumnas para o exercicio de actividades profesionais, facilitan a súa empregabilidade e fomentan a súa capacidade de iniciativa laboral.
Para realizar as prácticas externas hai que estar regularmente matriculada/o nos estudos de grao da Facultade de Filoloxía. Ademais, hai que ter superado un mínimo de 120 créditos da titulación de grao pola que se concorre á solicitude de realización de prácticas.
- As prácticas realizadas en empresas e institucións teñen carácter formativo nalgún dos aspectos lingüísticos, literarios ou culturais desenvolvidos nos estudos de grao da Facultade de Filoloxía da USC.
- As prácticas, pola súa natureza formativa e ao estar integradas no sistema de créditos da titulación, teñen o carácter dunha materia de grao, polo que non serán remuneradas.
- As prácticas computarán como 6 ECTS (unha materia) pertencentes ao módulo optativo dos estudos de grao.
- Todas as prácticas terán unha duración de 150 horas. Nesas 150 horas están comprendidas as 10 horas para a redacción da memoria de actividades realizadas no período de prácticas que o/a estudante entregará ao/á titor/a profesional e ao/á titor/a académico/a e que, xunto co informe do titor/a profesional, será tida en conta á hora de avaliar o período de prácticas.
- O horario das prácticas será proposto pola empresa ou institución de acollida unha vez ouvido/a o/a condidato/a. Realizaranse preferentemente polas tardes.