Ir o contido principal
  • USC

Premios Congreso OWPT

Foto
Foto Premios Congreso OWPT
O congreso de referencia mundial en transmisión de potencia inalámbrica, OWPT, premia por segundo ano consecutivo un traballo da USC

O investigador predoutoral Javier Fernández Lozano recolle en Yokohama (Xapón) o ‘Paper Award’ da conferencia OWPT 2024, un encontro que contou coa presenza dos maiores expertos globais no campo.

O Congreso Internacional sobre Transmisión de Potencia Inalámbrica (OWPT2024) acaba de distinguir por segundo ano consecutivo un traballo de Javier Fernández Lozano cun ‘Paper Award’; unha conferencia pioneira e considerada como o encontro científico de referencia global na transmisión de potencia láser, como demostra cada ano a presenza dos maiores expertos mundiais na área. «A transmisión óptica inalámbrica de enerxía consiste, en poucas palabras, en enviar enerxía a un receptor fotovoltaico a través dun láser», conta o primeiro autor, Javier Fernández Lozano, estudante do Programa de Doutoramento en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética.

«Neste traballo, conseguimos mellorar un 20% a eficiencia destes receptores, propoñendo novos materiais na súa construción», explica o investigador.

No artigo premiado recentemente, téñense modelizado e optimizado receptores fotovoltaicos, propoñendo como novidade o uso de novos materiais, como o nitruro de galio. «Con iso, non só conseguimos ampliar notablemente a eficiencia dos nosos dispositivos, senón que podemos converter potencias de láser moito maiores».

O investigador predoutoral do CiTIUS destaca que estes resultados «abren camiño cara a unha nova xeración de conversores de potencia láser ultra eficientes». No traballo galardoado na edición de 2023, os investigadores propuxeron dispositivos optimizados utilizando a arquitectura VEHSA (Vertical Epitaxial Hetero-Structure Architecture), considerada a máis avanzada do momento, empregando outro material de alto bandgap, o carburo de silicio.

«Este segundo premio consecutivo reforza rotundamente a nosa liña de investigación: Os materiais de alto bandgap teñen a capacidade de mellorar substancialmente a conversión de potencia láser, ampliar os campos de aplicación desta tecnoloxía e, en última instancia, cambiar a forma na que concibimos a transmisión de enerxía», conclúe o investigador.

No traballo participaron tamén os investigadores do centro Natalia Seoane, Antonio García-Loureiro e Enrique Comesaña, así como os investigadores da Universidade de Xaén Eduardo Fernández e Florencia Almonacid.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2024.