Ir o contido principal

Usos lingüísticos

O galego é a lingua propia e oficial da USC. Este carácter de lingua propia obriga á USC a potenciar e garantir o seu uso. Así, tal e como se recolle no seu Regulamento de usos lingüísticos, o galego é a lingua de comunicación por defecto na súa actividade institucional e administrativa. O castelán tamén ten carácter oficial.

Se estudiaches en Galicia, todo isto xa o sabes, pero, se vas vir de fóra, debes entender que tanto o profesorado como o estudantado ten dereito a utilizar a lingua oficial que prefira. Isto significa que recibirás clases en galego e en castelán, segundo a escolla do persoal docente responsable, e que esta información estará dispoñible no momento de matricularte. É importante que saibas que ti poderás facer e entregar as túas tarefas e exames na lingua oficial que consideres mellor para os teus intereses, agás naquelas materias nas que a competencia lingüística sexa obxecto formativo e de avaliación.

A oferta formativa da Facultade de Humanidades (Grao en Xestión Cultural e Máster en Servizos Culturais) está plenamente comprometida co fomento da diversidade e coa defensa da igualdade entre todas as comunidades humanas. Un obxectivo principal é que o noso estudantado adquira e fortaleza competencias e habilidades que lle permitan entender e valorar culturas distintas das propias. O desenvolvemento dunha competencia plurilingüe xoga un papel central nesta aposta por unha mirada multicultural.

Sentir as linguas como pontes entre culturas, e non como barreiras, é unha das primeiras ensinanzas que queremos transmitirche como persoa que quere traballar en proxectos culturais

No fomento dos enfoques lingüísticos plurais o Consello de Europa promove estratexias de intercomprensión entre linguas emparentadas: poñamos o foco no común e na vontade de entendernos usando cadaquén a súa lingua habitual.

Isto é o que vas atopar estudando na Facultade de Humanidades da USC. Ademais de aprender linguas internacionais (inglés, portugués/francés), na túa relación co profesorado e coas túas compañeiras e compañeiros terás ocasión de comunicarte en dúas linguas románicas con séculos de convivencia en Galicia.

No teu proxecto de formarte no ámbito da cultura, estudar nunha facultade multilingüe é unha grande oportunidade e non debes velo como unha dificultade.

A intelixibilidade entre galego e castelán é alta, mais cada lingua ofrece olladas propias de experiencias culturais diversas.

Ter ocasión de aprender a escoitar a quen non fala coma ti sempre será unha fortaleza na túa formación como persoa e como profesional no mundo da cultura. E se queres coñecer máis da nosa lingua, a USC oferta cursos de galego dirixidos especificamente a estudantes non galegofalantes.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2024.