A exposición Arquivo Histórico Universitario. Crónica dunha custodia, instalada na capela do Colexio de Fonseca, realiza un percorrido cronolóxico a partir dos principais fitos históricos que repercutiron, dun xeito ou doutro, na súa xénese e evolución, pretende amosar tamén o proceso de conformación do seu corpus documental ao longo do tempo.
Para ilustrar estes feitos, amosará a documentación máis representativa, con valor histórico ou aquela que achega información curiosa ou descoñecida, ademais de expoñer unha selección das súas xoias documentais que, por primeira vez, sairán dos depósitos do arquivo para que poidan ser contempladas publicamente.
Finalmente, estará tamén presente a dimensión humana desta custodia, isto é, a documentación relativa a aquelas persoas vinculadas ou responsables do arquivo nas distintas épocas, reflexo, así mesmo, da propia evolución da figura do arquiveiro ata o seu recoñecemento como profesión coa creación da especialidade a mediados do século XIX.
A mostra está comisariada pola directora do Arquivo Histórico Universitario, Desirée Domínguez Pallas, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Do 26 de abril ao 28 de maio de 2022.
- Horario: de luns a sábado de 11-14 h e de 17-20:30 h.
Entrada libre