Ir o contido principal

Actividades da BUSC polo 8M

 BUSC organiza distintas actividades para conmemorar esta data
A BUSC organiza distintas actividades para conmemorar esta data
A Biblioteca da USC conmemora o 8M a través de diversas actividades nos seus distintos puntos de servizo.

A Biblioteca da USC conmemora o 8M a través de diversas actividades nos seus distintos puntos de servizo:

  • Na biblioteca Xeral pode visitarse a mostra "8 mulleres galegas que moveron os marcos" que recolle o perfil de mulleres pioneiras, con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes. No Claustro Alto de Fonseca, ata o 28 de marzo.
     
  • A biblioteca de Enfermaría ofrece unha mostra bibliográfica sobre Marjory Gordon, a creadora dos Padróns Funcionais de Saúde e unha persoa clave do desenvolvemento do diagnóstico e das linguaxes estandarizadas no campo da enfermaría. Poderá visitarse do 8 ao 31 de marzo.
     
  • A biblioteca de Ciencias de Educación (Campus Norte) acollerá o primeiro encontro do ciclo "Escritoras na Universidade" o día 12 de marzo. A invitada será Helena Villar Janeiro, escritora, cunha longa experiencia docente e na escrita e transmisión da literatura aos máis cativos.
     
  • A Biblioteca de Ciencias Económicas e Empresariais presenta a mostra bibliográfica "Economía con nome de muller : escolma para o 8 de marzo". Nela expóñense algunhas das obras máis destacadas de mulleres pensadoras no campo da economía. 
     
  • A Biblioteca da ETSE  presenta unha mostra bibliográfica con obras de temática feminina e da muller no eido da Ciencia e a Enxeñaría que forman parte do seu fondo bibliográfico. Do 8 ao 21 de marzo.
     
  • Na Biblioteca da Facultade de Formación de Profesorado en Lugo baixo o título, "Pon as gafas lilas para ler!" presentan unha  escolma de títulos que comprenden feminismo, diversidade e igualdade, identidade ou monografías sobre mulleres senlleiras  sen perder de vista o adxectivo "traballadora" como parte da reivindicación do 8 de marzo.
     
  • Co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora, a Biblioteca Intercentros de Lugo presenta a mostra bibliográfica "Muller e Arte: de obxecto a suxeito". Localizada no vestíbulo de entrada da biblioteca, recolle unha pequena selección de obras dedicadas ás mulleres artistas pero tamén á reflexión dende o feminismo do papel da muller na arte. Tamén organizan unha visita guíada a colección de Xénero o 17 de marzo ás 11 horas.

Convidámosvos a sacar partido destas iniciativas que, á súa vez, convídannos a ter presente a perspectiva de xénero durante todo o ano.

Podes consultar os horarios da BUSC na páxina web.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2025.