A Asociación de Nais e Pais da Escola Infantil “Breogán” cumpre unha importante función dentro desta comunidade apoiando ao centro en aquilo que nos solicita, exercendo de ponte entra as familias a Asociación e o centro e sempre, co fin de conseguir, entre todos e todas o mellor para os nosos fillos e fillas.
Estatutos da ANPA Monicreque
Capítulo I. Disposicións Xerais
Artigo 1.º
- 1. A Asociación de Nais e Pais Monicreque da Escola Infantil Breogán, acollida ao disposto pola L.O. 1/2002 reguladora do dereito de Asociacións e polo R.D. 1533/1986, do 11 de xullo que regula as APAS, é unha entidade con personalidade xurídica propia, que goza de plena capacidade para adquirir, posuír, gravar e allear calquera clase de bens, así como para o cumprimento dos fins previstos nestes estatutos.
- 2. O exercicio asociativo coincide co curso académico oficial na Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 2.º
- a) O ámbito da asociación é local e o seu domicilio fíxase na Escola Infantil Breogán, Campus Universitario Sur, 15782 Santiago de Compostela (A Coruña).
- b) Para a realización das funcións que lle corresponden, a asociación empregará as instalacións da escola, para o cal a dirección do centro facilitará a integración destas actividades na vida escolar, sen alterar o funcionamento normal da escola.
- c) Para a utilización dos locais do centro aos que se refire o parágrafo anterior, será preciso que a Xunta Directiva da Asociación llo comunique previamente á dirección do centro.
Capítulo II. Fins e actividades
Artigo 3.º
A asociación constitúese para o cumprimento dos seguintes fins:
- a) Asistir aos pais e aos titores en todo o que atinxe á educación dos seus fillos.
- b) Colaborar nas actividades educativas e extraescolares do centro.
- c) Promover a participación dos pais dos alumnos na xestión do centro.
- d) Asistir aos pais dos alumnos no exercicio do seu dereito e intervir no control e xestión do centro.
- e) Facilitar a representación dos pais e alumnos na Comisión da Escola.
- f) Estimular a participación dos pais de alumnos na programación xeral do ensino por medio do órgano colexiado correspondente.
- g) Fomentar as relacións de cooperación do centro con outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do seu contorno.
- h) Promover e asegurar a efectiva igualdade de dereito de todos os alumnos sen discriminación de tipo socioeconómico, ideolóxico, confesional, raza ou de sexo.
- i) Requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación referentes á educación, recadando a atención e axudas que esta merece.
- j) Promover actividades formativas e culturais.
- k) Promover reunións de colaboración de pais con profesores e educadores así como as boas relacións entre eles.
- l) E tamén todas aquelas actividades, non recollidas nestes estatutos e que estean conformes coa lei.
Artigo 4.º
Para o mellor cumprimento dos seus fins, a Asociación integrarase na Federación Provincial da Coruña de A.P.A.S. de Centros Públicos e, conxuntamente con outras A.P.A.S., na Confederación Galega de A.P.A.S. de Centros Públicos, e a nivel estatal na Confederación Española de A.P.A.S. (CEAPA). Do mesmo xeito, integrarase na Federación de ámbito municipal de Centros Públicos.
CAPITULO III. Dos socios
Artigo 5.º
Poderán ser membros da Asociación todas as nais e pais ou titores de alumnos da Escola Infantil Breogán.
Artigo 6º
- 1) Serán dereitos dos asociados:
- a) Elixir e ser elixible para todas as funcións representativas da Asociación.
- b) Ter voz e voto nas reunións da Asociación.
- c) Tomar parte en todas as actividades da asociación e empregar os servizos que poidan establecerse en beneficio dos socios.
- d) Dirixir pedimentos e propoñerlles iniciativas aos órganos de goberno da Asociación.
- e) Recadar e recibir da Xunta Directiva toda a información que sexa precisa sobre a xestión asociativa.
- f) Asistir a todas as reunións e actos convocados pola Xunta Directiva.
- g) Colaborar activamente no cumprimento dos fins da asociación e na súa eficaz execución.
- 2) Serán deberes dos socios:
- a) Observar os estatutos da Asociación e os acordos da Asemblea.
- b) Contribuír economicamente ao mantemento da Asociación na forma que se estableza na Asemblea.
Artigo 7.º
Causarase baixa na Asociación:
- a) Por pedimento do interesado.
- b) Por baixa dos fillos no Centro.
- c) Por non pagamento das cotas, con notificación previa da Xunta Directiva..
- d) Por incumprimento dos estatutos.
- e) Por emprego da Asociación con fins alleos aos que se especifican nestes estatutos.
Os puntos d) e e) serán apreciados pola Xunta Directiva. Darase audiencia ao interesado, e será necesario o voto afirmativo da maioría absoluta da Xunta Directiva para a toma dun acordo.
Capítulo IV. Órganos de goberno
Artigo 8.º
A Asociación estará rexida pola Asemblea Xeral de Socios e a Xunta Directiva, coas funcións que se especifican a continuación.
Artigo 9.º
- 1) A Asemblea Xeral de Socios é o órgano soberano da Asociación; reunirase polo menos unha vez ao ano, en sesión ordinaria, para a aprobación das contas e presupostos e do programa xeral de actuación social. Reunirase, en sesión extraordinaria, cando así o decida a Xunta Directiva, e sempre que o solicite formalmente un terzo dos asociados.
- 2) A Asemblea Xeral comprende aos asociados e aos membros da Xunta Directiva.
- 3) Todas as sesións serán convocadas polo Presidente, con expresa indicación da orde do día establecida pola Xunta Directiva. As convocatorias deberán dirixirse aos asociados con sete días de anticipación como mínimo para as reunións ordinarias e dous días de anticipación para as reunións extraordinarias.
- 4) A Asemblea quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando asistan a maioría dos asociados, e en segunda convocatoria con calquera que sexa o número de asociados presentes. A citación fará constar sempre que entre a primeira e a segunda convocatoria deberá haber unha marxe de media hora.
- 5) Os acordos da Asemblea adoptaranse por maioría simple.
- 6) Será necesario o voto favorable de dous terzos dos asociados presentes na Asemblea Extraordinaria para adoptar as seguintes decisións:
- a) Disposición e alleamento de bens.
- b) Solicitude de declaración de utilidade pública da Asociación.
- c) Integración da Asociación en federacións ou entidades similares.
- d) Modificacións dos estatutos da Asociación.
- e) Disolución da Asociación.
Artigo 10.º
A Asociación estará administrada por unha Xunta Directiva, composta por:
- Presidente
- Vicepresidente
- Secretario
- Administrativo-Tesoureiro
- Mínimo un e máximo tres vocais
- 1) A Xunta Directiva terá un mandato de dous anos de duración, e renovarase a partir do segundo ano, cada ano a metade dos membros.
- 2) A elección dos cargos será polo procedemento de lista aberta.
- 3) As vacantes que se puidesen producir na Xunta Directiva poderán ser cubertas provisionalmente por esta, ata que se celebre a primeira reunión da Asemblea Xeral.
- 4) A Xunta Directiva reunirase sempre que sexa convocada polo Presidente. Tamén deberá reunirse a pedimento dun terzo da totalidade dos seus membros. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes.
- 5) As funcións da Xunta Directiva serán as seguintes:
- a) Execución dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral.
- b) A xestión dos asuntos ordinarios da Asociación.
- c) A presentación á Asemblea dos presupostos, das contas e do programa anual de actividades.
- d) E todos aqueles asuntos que non sendo encomendados expresamente pola Asemblea sexan conformes coa lei.
- 6) Os membros da Xunta Directiva poderán cesar a vontade propia, ou ben ser cesados por:
- a) Incumprimento do deber.
- b) Baixa dos fillos no centro.
Artigo 11.º
O presidente desempeña a representación da Asociación, preside ás reunións e responde perante a Asemblea da xestión realizada pola Xunta Directiva. Asinará, xuntamente co Administrador-Tesoureiro, as ordes de pagamento, talóns, etc.
Tamén será o encargado de recibir en nome da Asociación calquera cantidade proveniente de subvencións de entidades públicas ou privadas.
Asumirá tamén todas as facultades que a lei estableza.
Artigo 12.º
O vicepresidente será o encargado de substituír ao Presidente cando sexa necesario. O presidente poderá delegar nel as súas competencias para a atención ou xestión de determinados asuntos, coa autorización previa da Xunta Directiva.
Artigo 13º
O secretario atenderá as comunicacións e a correspondencia, levará os libros de actas, tramitará certificacións do seu contido, conservará o arquivo, velará pola conservación dos locais e gardará o selo da asociación.
Artigo 14.º
O administrador-tesoureiro estará encargado de recadar e conservar os fondos e bens da Asociación. Levará os libros de Caixa e de Socios, asinará as ordes de pagamentos co Presidente, elaborará o proxecto de presuposto que a Xunta Directiva debe presentar perante a Asemblea Xeral e preparará as contas que deban someterse á aprobación da Asemblea.
A data de pechamento do exercicio asociativo será ao final de cada curso académico correspondente.
Artigo 15.º
Ademais das súas funcións ordinarias, os vocais poderán recibir, por acordo da Xunta Directiva, o encargo de presidir e coordinar grupos de traballo, ou a execución de encargas, comisións, representacións e outras tarefas que lle sexan encomendadas pola Xunta Directiva.
Artigo 16º
A Xunta Directiva poderá valerse, na súa xestión, de asesores que colaboren no cumprimento dos fins da Asociación. Os asesores poderán asistir ás reunións, con voz, pero sen voto.
Capítulo V. Patrimonio
Artigo 17.º
- 1) A Asociación carece de patrimonio fundacional. O patrimonio social que se vaia constituíndo estará composto por todos os bens que se adquiran para a realización dos fins sociais.
- 2) A Administración do patrimonio correspóndelle á Xunta Directiva.
- 3) Os recursos económicos consisten nas cotas dos asociados, as rendas do patrimonio, as subvencións, os legados e as doazóns que poidan legalmente aceptarse, xa procedan de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras que acorden concedelas.
- 4) O importe das cotas dos asociados será dunha contía mínima, que será determinada pola Asemblea Xeral, a proposta da Xunta Directiva. Sen embargo, os socios poderán determinar libremente a súa propia cota, sempre que o seu importe sexa superior ó mínimo establecido.
- 5) O presuposto anual non excederá dun total de 1.200 €.
- 6) A Asociación, por medio da súa Xunta Directiva, poderá conceder ou solicitar subvencións e préstamos para desenvolver os fins estatutarios.
- 7) A Asociación non ten ánimo de lucro.
Capítulo VI. Disolución
Artigo 18.º
A Asociación constitúese cun prazo de duración indefinido. A Asemblea Xeral, reunida en sesión extraordinaria para este fin, poderá acordar a disolución da Asociación.
En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora, integrada por tres membros, que se encargará da liquidación do patrimonio social.
O importe da liquidación será dedicado a outra entidade inscrita no rexistro, dedicada a fins similares ao que anima esta Asociación.
Estes Estatutos foron aprobados pola Asemblea Xeral da Asociación de Nais e Pais de Alumnos Monicreque, o día 27 de outubro de 2004, para adaptarse á L.O. 1/2002 reguladora do dereito de Asociacións.
Os Estatutos foron modificados nos artigos 9.3 e 17.5 na asemblea extraordinaria do 7 de outubro de 2008 cos votos a favor de todos os socios asistentes, quedando estes artigos redactados tal e como se recollen.