Para a consecución dos obxectivos do III Plan seguen a ter vixencia os principios de actuación da Universidade de Santiago de Compostela que marcaron a elaboración dos anteriores plans, aos que se suman outros que veñen reforzar o compromiso da nosa institución: responsabilidade social; igualdade, recoñecemento da maternidade e a paternidade como un valor social; conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral; presenza ou composición equilibrada en órganos e cargos de responsabilidade na Universidade; transversalidade de xénero; uso non sexista da linguaxe e da imaxe; investigación, innovación e docencia inclusivas; participación, xénero e igualdade.
O proceso de elaboración do III PEIOMH desenvolveuse tendo en conta os resultados da avaliación do segundo así como a actualización do diagnóstico sobre a igualdade na USC, que nos levou a unha análise cuantitativa e cualitativa da situación de mulleres e homes na Universidade comparando cos datos de 2014-20 tendo en conta as 6 áreas de actuación do Plan: políticas da USC; formación, docencia e investigación; presenza, promoción e representación; conciliación e corresponsabilidade; acoso e actitudes sexistas; e condicións sociosanitarias no traballo.
As principais conclusións desta análise sinalan os retos que enfrontará o III Plan:
- Dotar a Oficina de Igualdade de Xénero de persoal técnico especializado.
- Asignar un orzamento para o desenvolvemento do III PEIOMH.
- Elaborar estudos monográficos sobre as fendas de xénero na nosa universidade: traxectoria académica e profesional, conciliación, retribucións, usos do tempo.
- Velar pola utilización dunha linguaxe non sexista.
- Potenciar o apoio ás comisións de igualdade de xénero creadas nos centros.
- Acrecentarmos o número de doutoras honoris causa.
- Consolidar a oferta formativa en xénero para o persoal e o alumnado.
- Elaborar un diagnóstico sobre a incorporación da dimensión de xénero nas titulacións.
- Visibilizar as achegas das mulleres na investigación.
- Fomentar a inclusión da dimensión de xénero na docencia, na investigación e na transferencia.
- Velar pola paridade nos distintos órganos de goberno e de representación.
- Promover políticas que favorezan a conciliación e o avance na corresponsabilidade.
- Potenciar o plan de comunicación do Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero.
- Impulsar a implementación da avaliación de riscos psicosociais con perspectiva de xénero.